Advirten da necesidade de coidados para as turbeiras do Larouco e outros humidais
- Investigadores subliñan en Baltar o papel das turbeiras como sumidoiros de carbono e a súa función de depuradoras naturais das augas nos sistemas hídricos.
- Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova recolle as recomendacións sobre medidas de conservación que xa se activaron noutras zonas do país.

Xinzo, 24 de xuño de 2025. “As turbeiras son sumidoiros de carbono… mentres funcionen ben. Se non funcionan ben, esa materia orgánica oxidarase e irá á atmosfera. Xa sabemos que o carbono é moi importante para controlar o quecemento climático”, explicou o domingo Xabier Pontevedra, edafólogo da USC e responsábel do principal equipo de investigación en turbeiras no Estado, durante unha visita ao hábitat prioritario na área do Coto Farelo, na Serra do Larouco. “As turbeiras ocupan un 3% da superficie do planeta acumulan até 500 petagramos de carbono, mil billóns de gramos, ou 10 elevado a 15. É dicir, as turbeiras son o principal axente que está mitigando o proceso de quecemento climático. Isto xa sería suficiente para que fósemos alí para coidar con pinceis cada turbeira”, indicou.
Na visita, e na posterior conferencia no Centro Social de Baltar -nunha actividade enmarcada no ciclo Os Meses do Larouco que levan acabo o club de parapente, veciñas e os colectivos ecoloxistas-, tanto Xabier Pontevedra como Marcos Valcárcel, xeógrafo da USC, insistiron en que a inclusión das turbeiras do Larouco no Inventario de zonas húmidas de Galiza supón un avance na protección do hábitat fronte a ameazas futuras como foron os macroproxectos eólicos Tramontana e Mistral, freados por DIA desfavorábeis no 2023.

Mais tamén subliñaron que o hábitat pode mellorar o seu estado grazas a intervencións mínimas na contorna, que tamén precisa ser atendida para garantir que estas reservas naturais de auga cumpran a súa función de regular o réxime hídrico local alimentando os cursos fluviais de cabeceira. Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova recolle as recomendacións dos científicos sobre medidas de conservación que xa se activaron noutras zonas do país, como O Xistral e Lousame.
“As turbeiras son depuradoras naturais das augas”, afirmaron os investigadores para poñer de relevo a importancia para a saúde pública de identificar e catalogar hábitats como os do Larouco, e convidaron aos participantes a colaborar na localización destes espazos para enriquecer un inventario que segue aberto e no que continúan a traballar.
Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova e o Movemento Ecoloxista da Limia comprometéronse a traballar na divulgación dos humidais das nosas comarcas e promover o coidado dos mesmos en colaboración coas administracións e comunidades de montes. Xunto aos humidais do Larouco, en terreos da Comunidade de Montes en Man Común da Boullosa, e baixo a ameaza de proxectos eólicos, están outros dous humidais: a Lagoa Grande, que ocupa 0,25 hectáreas no Monte Grande (en Bande) e o hábitat denominado Baldriz, un humidal de media hectárea que en parte está ocupada por unha área recreativa no Concello de Cualedro.
