Ana Pontón pide a Rueda transparencia con Povisa
- «A saúde de 120.000 galegas e galegos non pode estar supeditada ao negocio privado», afirma.
- POVISA é o centro de referencia para miles de persoas na área sanitaria de Vigo pola insuficiencia do Álvaro Cunqueiro, pese ao sobrecusto de 470 M€.

A portavoz nacional, Ana Pontón, traslada a preocupación do BNG polos últimos movementos no Hospital Povisa adoptados polos actuais propietarios, o xigante da sanidade privada en Francia Vivalvo Santé, e demanda ao goberno de Rueda transparencia sobre o último contrato millonario da Xunta con este hospital privado que o PP esconde ao Parlamento pese ás reiteradas peticións do Bloque e pese a ser o centro de referencia para 120.000 persoas na área sanitaria de Vigo.
“Queremos amosar a nosa preocupación ante as novas informacións que rodean a Povisa e denunciar que estas son as consecuencias da privatización da sanidade”, subliñou Pontón desde Tui, onde participa nunha interparlamentar do BNG para abordar a situación do espazo transfronteirizo do río Miño. “Non pode ser que unha parte moi importante da saúde dos galegos e das galegas este condicionada polos intereses económicos de fondos de investimento que o único que buscan é maximizar o seu beneficio”, alegou.
Unha situación da que responsabiliza ao goberno do PP, que segue drenando millóns de euros á sanidade privada mesmo incluso tras a posta en marcha do Álvaro Cunqueiro, un hospital cuxa construción privatizada decidida polo Partido Popular supuxo un sobrecusto de 470 M€ pese ser máis pequeno e con menos servizos dos proxectados e, polo tanto, insuficiente para atender a toda a poboación na área sanitaria de Vigo.
E aí están as consecuencia, denuncia Pontón, “unha atención sanitaria condicionada pola decisión de fondos estranxeiros que o único que queren é gañar cada vez máis a costa da saúde dos galegos e das galegas, por iso, é aínda máis urxente a transparencia a respecto dese convenio que a Xunta ten con Povisa”, recalca.
A portavoz nacional do Bloque pide ademais da remisión ao Parlamento do último convenio, traballar para ter unha alternativa sobre a mesa e que a saúde de 120.000 galegos e galegas que agora están en mans do negocio privado pase a depender directamente da sanidade pública.
“Ese ten que ser o horizonte co que traballemos porque, insisto, o que non é de recibo é que a atención sanitaria de centos de miles de persoas estea condicionada polos intereses económicos de fondos de investimento que o único que buscan é maximizar os seus beneficios, non atender o mellor posible a poboación, polo tanto, volvemos exixir transparencia nese concerto con Povisa e unha alternativa que permita integrar na sanidade pública a todas as persoas usuaria da área sanitaria de Vigo”.
En menos de sete anos Povisa ten experimentado cambios na propiedade en función dos movementos empresariais do sector da sanidade privada. En 2019 deixou de estar controlado por capital galego e pasou a mans da valenciana Ribera Salud, que en 2022 pasou a súa vez a mans do grupo francés Vivalvo Santé, dentro dos movementos de compravenda e expansión en Europa.