Redacción •  Galicia •  23/10/2025

PP e PSOE non apoian a iniciativa do BNG para evitar o bloqueo indiscriminado de webs por parte de La Liga e Movistar

A proposta nacionalista de estabelecer un marco de actuación claro e xusto que protexa os dereitos de autor sen causar danos colaterais a milleiros de webs legais contou co voto en contra de PP e Vox e a abstención de PSOE.

PP e PSOE non apoian a iniciativa do BNG para evitar o bloqueo indiscriminado de webs por parte de La Liga e Movistar

A Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital do Congreso vén de impedir -co voto en contra de PP e Vox e a abstención do PSOE- a aprobación da iniciativa do BNG para reclamar ao Goberno do Estado actuar para evitar os bloqueos indiscriminadosde páxinas web lexítimas que están a executar La Ligar e Movistar.

“As forzas políticas deben de pronunciarse sobre os bloqueos indiscriminados. O feito de combater a piratería non pode ser pretexto para o bloqueo de páxinas lexítimas tendo graves consecuencias para moitos negocios e páxinas institucionais” afirma o deputado do BNG no Congreso. Segundo explica Rego, La Liga e Movistar procedían a bloquear URLs mais, agora, están a bloquear IP´s de forma indiscriminada.

“Nas sentenzas existentes en que se habilita o fechamento de páxinas web con contidos que vulneran dereitos audiovisuais tamén se di que esta actuación “non pode repercutir de maneira negativa en terceiros”, cuestión que non se está a respectar e, mesmo está a afectar á reputación de negocios lexítimos que se ven tamén bloqueados coa advertencia de albergar contidos pirata.

“O BNG reclama que se actúe. O Goberno ten competencias na materia. Hai que estabelecer unha regulación diferente e protexer os dereitos das persoas usuarias e dos comercios e institucións que se están vendo afectadas” defende Néstor Rego.

“Entendemos que é lexítimo protexer a propiedade intelectual pero non pode levar a que se estabelezan bloqueos a páxinas que están dentro da legalidade” sinala o deputado do BNG.

Prohibir o bloqueo masivo e un marco de actuación claro e xusto

A iniciativa do BNG, precisamente, instaba o Goberno a adoptar as medidas necesarias -dentro das súas competencias- para asegurar que os bloqueos de webs que emiten ilicitamente contidos protexidos non afecten a páxinas ou portais lexítimos.

“Hai que estabelecer unha colaboración cos hostings, a través de protocolos, para que os servizos de hospedaxe poidan retirar unicamente os contidos ilícitos ou suspender as contas infractoras, preservando o funcionamento de páxinas lexítimas” enfatiza Rego. Do mesmo xeito, engade o deputado, débense artellar mecanismos que impidan ás compañías de telecomunicacións bloquear enderezos IP de maneira masiva, o que prexudica tanto a empresas como a persoas usuarias sen relación coa piratería.

Lamentabelmente, a proposta do BNG non contou co voto favorábel do bipartidismo estatal -PP e PSOE- polo que a iniciativa non prosperou.


BNG /