Redacción •  Galicia •  23/06/2025

O silencio de Bring the Noise ante as demandas palestinas obriga a BDS Galiza a convocar concentracións no Resurrection Fest

  • Mércores 25 de xuño. 12:00 h.
  • Entrada do Resurrection Fest, Rúa Espiñeiros – Viveiro.
O silencio de Bring the Noise ante as demandas palestinas obriga a BDS Galiza a convocar concentracións no Resurrection Fest

O colectivo BDS Galiza informa publicamente do inicio dunha campaña de protestas diante da negativa da promotora Bring the Noise a responder ás demandas éticas do movemento BDS.

Durante as últimas semanas, BDS Galiza dirixiuse por varias vías á organización do Resurrection Fest para propoñer unha reunión e presentar os 4 mínimos éticos esixidos aos festivais propiedade do fondo de investimento KKR pola maior coalición palestina liderada polo Comité Nacional Palestino de BDS e a Campaña Palestina para o Boicote Académico e Cultural a Israel (PACBI). Bring the Noise, propiedade de Superstruct (e, en última instancia, de KKR), non respondeu en ningún momento aos correos e mensaxes enviados.

Diante deste silencio, e coa gravidade crecente da situación en Palestina —cun xenocidio en curso e múltiples advertencias do Tribunal Internacional de Xustiza—, BDS Galiza vese na obriga de iniciar unha campaña de mobilización pública. Anúnciase así a convocatoria dunha concentración pacífica diaria ás 20:00 h durante todos os días do festival, na entrada do recinto do Resurrection Fest, para esixir que o festival cumpra cos 4 mínimos éticos palestinos e poña fin dese xeito á complicidade involuntaria cos investimentos de KKR en crimes de guerra israelís e violacións do dereito internacional.

Desde BDS Galiza apelamos á solidariedade do público galego e das persoas asistentes ao festival, e convidamos aos medios a asistir á rolda de prensa o día da apertura do evento.


BDS /