A FCM-CIG continúa coa campaña de mobilizacións en demanda dun convenio galego da construción
Levou as protestas até un acto na Coruña no que participaba o presidente da patronal galega do sector.

A Federación de Construción de Madeira da CIG continuou este xoves coas accións mobilizadoras para demandarlle á patronal que sente negociar un convenio galego para o sector. Nesta ocasión, a central levou as protestas até o edificio o Espazo Avenida de Abanca, onde se celebraba un acto de APECCO que contou coa participación dos presidentes da patronal galega, da Deputación da Coruña e do delegado do Goberno, entre outras persoas.
A FCM-CIG leva meses demandándolle tanto á patronal galega como as respectivas asociacións empresariais provinciais a posta en marcha das negociacións para acadar un convenio galego da construción “que nos permita defender o persoal do sector, estabelecer unhas condicións que o dignifiquen e evitar a sangría de man de obra que está sufrindo”.
O secretario de Negociación Colectiva da FCM-CIG, Mario Maceiras, explica que, tras meses intentando obter unha reunión coa patronal galega “a única resposta foi a calada”. Por iso, a central sindical está a desenvolver un calendario de mobilizacións e non descarta a posibilidade de ir a unha folga sectorial se o empresariado continúa ignorando máis tempo as demandas do persoal.
Blindar os convenios provinciais
Logo da aprobación do cambio lexislativo que dá prioridade aos convenios e acordos interprofesionais autonómicos, a CIG, como sindicato maioritario no sector en Galiza, instou a patronal a avanzar neste camiño para “blindar os convenios provinciais fronte ao marco estatal, que actualmente ten reservadas a maioría das materias de negociación e que topa calquera mellora que se pacte a nivel provincial”.
Contar cun marco galego “permitiríanos seguir a mellorar os convenios provinciais e protexelos dos ataques da patronal estatal que tenta impedir estes avances, e evitar o que aconteceu co convenio da construción de Pontevedra ou no de pintura da Coruña, impugnados pola patronal estatal por recoller melloras por enriba do marco estatal”, apunta Maceiras.
Para a FCM-CIG resulta incomprensíbel a actitude da patronal galega xa que, por unha banda, se escuda en que non pode negociar determinadas materias porque están reservadas ou que a implantación dos plans de pensións no sector é unha imposición do marco estatal, pero por outra banda, non quere sequera abordar a posibilidade dun convenio galego que abriría a porta a negociar esas materias.
“A postura da patronal non nos deixa outro camiño que seguir coa mobilización até que se atendan as xustas reivindicacións do persoal”, advirte.