Convocadas dúas novas xornadas de folga nas residencias de maiores e centros de día privados e nos SAF
A CIG chama a secundar os paros de 24 horas deste xoves 23 e do martes 4 de novembro e a participar nas protestas por unhas condicións dignas.

A CIG-Servizos anunciou hoxe a convocatoria de dúas xornadas de folga para reclamar unhas condicións de traballo dignas nas residencias de maiores e centros de día privados e nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF). Coincidindo cos paros de 24 horas, que se desenvolverán este xoves 23 de outubro e o martes 4 de novembro, a central levará a cabo tamén distintas mobilizacións en varias localidades do país.
Estas novas xornadas de folga no sector de coidados súmanse ás catro desenvolvidas con anterioridade no mes de setembro para denunciar o inmobilismo patronal, tanto no convenio de residencias privadas como no de axuda no fogar, cuxas mesas de negociación están paralizadas “mentres a Xunta segue a mirar para outro lado, ignora as súas responsabilidades e se desentende das condicións nas que se prestan uns servizos esenciais como o dos coidados ás persoas maiores e persoas dependentes”.
No caso dos SAF, o convenio leva 12 anos caducado. “Cremos que xa é hora de que se senten, pero con seriedade e con vontade de chegar a acordos”. O fundamental para o persoal é rematar cuns horarios “incompatibles coa vida persoal” e levar a cabo as valoracións de riscos nos centros de traballo, co establecemento dun protocolo actualizado que garanta a seguridade das persoas traballadoras. “Prestamos servizo en domicilios nos que se producen ameazas, acosos e agresións”, sinalan.
Por iso a CIG denunciou o feito de que a Xunta anunciase recentemente un protocolo de prevención, detección e seguimento ante situacións de violencia nos domicilios que contempla unicamente recomendacións e non medidas que garantan a seguridade das traballadoras, polo que reclama que o documento incorpore accións reais en materia de protección do persoal e de prevención de riscos e saúde laboral.
Ademais, fixo fincapé en que para que o protocolo funcione e sexa efectivo ten que contar coa colaboración e implicación tanto da Administración autonómica, última responsábel do servizo, como das organizacións sindicais e dos Gobernos locais.
Outra problemática que se vive nos SAF ten que ver coa total ausencia de axudas técnicas para manipular as persoas usuarias con problemas de mobilidade, “o que se traduce en problemas de saúde e lesións que as mutuas laborais ignoran dicindo en moitos casos que son cousas da idade”.
Falta de persoal nas residencias
En canto ao sector de residencias e centros de día privados, a principal reivindicación pasa por aumentar os baixos ratios de persoal, até o punto de que nos días de folga o número de persoas traballadoras supera o existente en días normais. Esta escaseza de persoal provoca unha sobrecarga de traballo “brutal” que impide que as empresas poidan atopar persoal disposto a traballar nestas condicións laborais de precariedade derivadas dun convenio que expirou en 2024.
Ademais, boa parte do persoal cobra por debaixo do salario mínimo, pero complementa con pluses como antigüidade ou festivos e domingos. E ten que asumir tamén tarefas que non se corresponden coa súa categoría profesional, “polo que as coidadoras teñen que dar medicacións ao carecer de enfermeiras, e mesmo que atender pacientes con patoloxías psiquiátricas para as que non están formadas”.
Lugares e horarios das mobilizacións:
-Vigo: manifestación dende a empresa Servisar até a Xunta ás 11:00 horas.
-Lugo: concentración diante da Xunta ás 12:00 horas.
-A Coruña: concentracións na residencia de Arteixo ás 10:00 horas; en Caser en Elviña as 11:00 horas; e en Bouco en Elviña ás 11:30 horas.
-Ferrol: concentración diante da Xunta ás 11:30 horas.
-Santiago: concentración diante da sede da Xunta, en San Caetano, ás 12:00 horas.
– Carballo: manifestación dende a Praza da Cruz Vermella até a Praza do Concello, ás 12:30 horas.
– Ponteceso: concentración na Praza do Recheo, ás 10 horas.
As traballadoras non cesan nas súas reivindicacións
Traballadoras de residencias de maiores privadas non cesan na súa loita por un convenio digno. Na mañá deste luns, un grupo de traballadoras fixo un peche-encadeamento na explanada do centro residencial Padre Rubinos da Coruña no camiño das novas xornadas de folga convocadas no sector.
Ao berro de “convenio digno” e “a Xunta de Galiza recorta e privatiza”, as traballadoras mantiveron a protesta durante preto dunha hora até que foron desaloxadas pola policía local.
Con esta acción queren reclamarlle á patronal que sente negociar o convenio colectivo cunha proposta que realmente dignifique as condicións salariais e laborais e ao tempo chamar a atención sobre a política de privatización dos servizos públicos que está na base da precariedade que sofren as traballadoras e na concepción mercantilista dos coidados do Goberno galego, que antepón o beneficio privado á calidade do servizo que se presta ás persoas usuarias.