Redacción •  Galicia •  21/05/2025

Marcha en Cartelle (Ourense) para denunciar os impactos do polígono eólico e fotovoltaico que tramita unha empresa madrileña

  • Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova organiza a andaina EN DEFENSA DO COTO NOVELLE o domingo 1 de xuño.
Marcha en Cartelle (Ourense) para denunciar os impactos do polígono eólico e fotovoltaico que tramita unha empresa madrileña

O domingo 1 de xuño, a plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova convoca ás veciñas e veciños de Cartelle e Castrelo de Miño, da Terra de Celanova e da Comarca do Ribeiro, e a colectivos ecoloxistas e organizacións sociais a participar na I MARCHA EN DEFENSA DO COTO NOVELLE, unha andaina reivindicativa duns 10 quilómetros de percorrido, unha ruta circular desde a aldea de Calvelos (Cartelle) que pretende poñer en valor os valores ambientais, as augas e a biodiversidade do monte que separa as concas do Arnoia e do Miño e o patrimonio cultural, histórico e paisaxístico dunha área ameazada por un polígono híbrido proxectado pola empresa de capital madrileño e aragonés Aratel.

A loita veciñal contra este proxecto -que poría en risco a saúde das veciñas e veciños das aldeas máis próximas aos aeroxeradores de 220 metros de altura no Coto Novelle, ademais de prexuízos directos á economía das explotacións gandeiras na contorna da planta de 16.000 módulo fotovoltaicos- empezou a finais do ano pasado, coa recollida de sinaturas e rexistro de alegacións nas feiras de Celanova, Ribadavia, Cartelle e Castrelo.

Recolléronse máis de 1.200 entre decembro e xaneiro contra o macropolígono eólico no Coto, e máis de 600 contra a macroinstalación fotovoltaica xunto as poboacións de Reigoso, Os Pereiros e A Bouza. O 9 de febreiro, ademais, colectivos ambientalistas, sindicais e organizacións políticas de toda a provincia participaron xunto a veciñas e veciños nunha concentración en Cartelle, no marco dunha protesta anti-eólica con diversas manifestacións en toda Galiza.

O Coto Novelle é, a día de hoxe, o principal punto de resistencia veciñal contra a invasión eólica nas nosas comarcas, mais a loita continúa contra outros proxectos que seguen vivos:

O denominado Clúster de A Limia, a trámite no MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico) que suporía a instalación na Limia, entre Trasmiras e Xinzo, de 32 aeroxeradores de 240 metros de altura, en cotas por riba dos 800 metros e cunha ocupación de case mil hectáreas de solo e máis de vinte núcleos de poboación dentro da perimetral do complexo industrial. Este macropolígono que afecta A Limia fai parte dun complexo máis amplo que arranca noutra central de produción eólica, o PE Fontefría, que se instalaría entre os concellos de Riós e Castrelo de Miño, con 17 aeroxeradores máis das mesmas características e desde onde partiría a LAT Castrelo do Val_Castrelo do Miño, 97 quilómetros con torres por riba dos 80 metros.

O denominado Cantanarrás, que na práctica calca sobre o Monte Grande un proxecto anterior (con DIA desfavorábel), e que está a trámite na Xunta de Galiza, cun proxecto de publicado no Rexistro Eólico en trámites previos, con 10 aeroxeradores de 194,5 metros (máis altos que no primeiro plan de Greenalia, desbotado pola Administración), que arrodean a Lagoa Grande (Bande), catalogada este mesmo ano 2024 no Inventario de zonas húmidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural; e situado, ademais, no límite da Reserva da Biosfera Área de Allariz, é dicir, xunto ao núcleo de esta área protexida.

ESTA DA TERRA E DA LINGUA

A plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova informará da I MARCHA EN DEFENSA DO COTO NOVELLE e das loitas contra os proxectos na Limia e no Monte Grande este sábado en Ourense, durante a FESTA DA TERRA E DA LINGUA, evento ao que foi convidado polo C.S. A Galleira.


Stop Eólicos /