Redacción •  Galicia •  21/02/2026

A CIG promove protestas nas empresas da conserva para denunciar o “secuestro” do convenio até 2030

  • A central convoca unha mobilización en Ribeira o sábado 28 febreiro para rexeitar a “traizón” de CCOO e UGT, que volveron ratificar o preacordo.
A CIG promove protestas nas empresas da conserva para denunciar o “secuestro” do convenio até 2030

A CIG está a promover protestas nas distintas empresas das conservas de peixe e marisco en Galiza para denunciar o “secuestro” do convenio colectivo até 2030, unha vez que CCOO e UGT volveron ratificar a acta do preacordo. A central sindical ten convocada unha mobilización na Praza do Sol de Ribeira o sábado 28 de febreiro ás 11:30 horas para rexeitar unha nova “traizón” dos sindicatos españois ás persoas traballadoras do sector.

Aínda que a reunión prevista para onte en Madrid para proceder á redacción final do texto foi adiada finalmente ao 2 de marzo, a mesa de negociación foi convocada hoxe a unha xuntanza telemática para a sinatura das táboas salariais do ano 2025, actualizando a subida salarial con cobro de atrasos ao valor do IPC interanual de decembro (2,9%).

Unha suba que se produce grazas á anterior negociación e como consecuencia das folgas convocadas no sector, coas que se logrou introducir esta cláusula de revisión salarial. “Deste xeito pretenden liquidar o primeiro ano do convenio con este importe, moi por debaixo das peticións de un 5% a maiores de suba e sen contemplar ningunha outra mellora social”. Polo que a CIG non vai asinar unhas táboas que considera totalmente insuficientes.

Para os seguintes anos (2026-2030) o preacordo contempla uns incrementos moi por debaixo das demandas das persoas traballadoras do sector da conserva. “A nova clasificación profesional tampouco está á altura, e coa redacción final cambian o nome das categorías para conxelar calquera promoción profesional real e danlle máis poder ás decisións arbitrarias da dirección empresarial nas fábricas”.

Ademais, perpetúase a fenda salarial de xénero no sector. “Acaban de botar ao lixo o traballo realizado nos últimos catro anos e perdemos a oportunidade de consensuar entre todas as partes unha clasificación profesional clara e xusta. Un modelo común, transparente e con dereitos, no que ningunha persoa traballadora cobre menos por un traballo de igual valor”.

Sen redución da xornada

A CIG denuncia tamén que este último convenio, “tutelado politicamente dende Madrid”, non contempla ningunha redución da xornada laboral e ningún avance en materia de permisos e licenzas. De feito, o único cambio que asinaron CCOO e UGT coa patronal foi dotar de catro horas/ano de acompañamento ao médico a persoas maiores a cargo e crianzas de máis de 14 anos, xunto coa suba da axuda á unidade familiar por escolarización de crianzas, que pasa de 15 a 45 euros/ano. “É unha burla que despois de negociar durante máis dun ano se chegue a este pésimo resultado, co secuestro do convenio até 2030”.

Por iso ao longo das vindeiras semanas a central seguirá a recoller apoios mediante sinaturas de persoas traballadoras das distintas empresas do sector da conserva en todo o país, tanto para expresar o seu desacordo coa última acta de convenio como para reclamar da parte social que non proceda á súa ratificación final para que poidan continuar as negociacións. “Trátase dun acordo que empeora as últimas propostas da mesa negociadora e que supón un retroceso en dereitos laborais con respecto ao anterior convenio”.


huelga /