La Tienda Republicana

En Marea pide a paralización cautelar das obras que se están a levar a cabo nunha das serras senlleiras do mazizo do Courel

15/06/2019

O vivevoceiro parlamentario, Antón Sánchez, alerta de que aínda que na zona había proxectado un parque eólico dende o ano 2009, a Lei impide a día de hoxe a instalación de novos aeroxeradores ao atoparse a zona de protección europea pertencente á Rede Natura 2000.

A Serra do Oribio está incluída dentro da Rede Natura 2000 / turismo.gal / turismo.gal
Sánchez, tamén portavoz nacional de Anova, vén de rexistrar na Cámara galega diversas iniciativas encamiñadas a solicitar a paralización cautelar dos traballos que se están a desenvolver na Serra do Oribio "pois todo apunta a que se trata do proxecto dun parque eólico da empresa Fergo Galicia Vento S.L.
 
"Poderíamos estar diante dunha actuación ilegal e pedimos a paralización cautelar para evitar danos irreversibles mentres non se aclare a situación do expediente", sinalou Antón Sánchez, engadindo que " tampouco nos consta que a Consellería de Industria tivese expedido recentemente ningunha autorización administrativa para a modificación do proxecto".
 
"Tampouco entendemos a autorización por Resolución de 13 de febrero de 2019, por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, na que administrativamente aprobouse o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela. Por qué autorizar unha liña de evacuación dun parque eólico que non se pode executar legalmente, por estar situado en Rede Natura?"-denunciou o deputado-.
 
Tal como indicou Antón Sánchez, A Serra de Oribio é unha espazo natural protexido, incluído en Rede Natura 2000 como zona de conservación da ZEC Ancares-Courel e Zona de Especial Protección de Valores Naturais (ZEPVN), polo que segundo o Plan Director de Rede Natura e o artigo 32 da Lei 8/2009 do sector eolico de Galicia, na que estaría prohibido a construción de novos parques eólicos. 
 
Segundo denunciaron diversos colectivos medioambientais, as obras xa destruíron parcialmente o Camiño Real que percorre a cima do monte e que une Vilafranca do Bierzo e Monforte e estárían a a poñer en risco outros bens patrimoniais inventariados, como a mámoa de Fial ou as antigas Ventas da Braña, do Retorno ou o Portazgo do Oribio (antigo lugar de dereito de paso).
 
Para En Marea é inaceptable que o Goberno de Feijóo non só non cumpra co seu compromiso de ampliar a superficie da Rede Natura 2000, que é das máis baixas do Estado (un 12% fronte á media estatal do 27.5%), senón que a maiores "lle entreguen as escasas zonas protexida que temos como a serra do Courel ás eólicas e os intereses empresariais privados".