La Tienda Republicana

Esquerda Unida presenta unha Lei para controlar e restrinxir a proliferación das casas de apostas, un perigo para a saúde pública da cidadanía

21/05/2019

“A pesar do que di agora o vicepresidente da Xunta de Galicia, durante todos estes anos, a Xunta traballou unicamente para facilitar a implantación das casas de apostas, incrementando o número de licencias e outorgando autorizacións que non se revisan. Dende Esquerda Unida entendemos que as autorizacións deben ser revisadas ao amparo da lexislación para que se cumpran os preceptos da Lei”, sinala Solla.

Compostela, 21 de maio de 2019. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, xunto a Loreto Taibo, responsable de Acción Política de Esquerda Unida, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha proposición de lei co obxectivo de mellorar e actualizar a obsoleta Lei do Xogo en Galicia, encamiñada a restrinxir a proliferación das casas de apostas, entre outras cousas.

“Ante a inacción da Xunta de Galicia nunha materia que é coñecida por todas: a proliferación das casas de apostas, que poñen en perigo a saúde pública da mocidade e da poboación en xeral; Esquerda Unida propón unha proposición de Lei que imos trasladar ao Parlamento para modificar a Lei actual en materia de Xogos e Apostas, entendendo que é preciso restrinxir a implantación das casas de apostas, xa que son un grave problema de saúde pública”, sinala Eva Solla.

Para facer isto posible, dende Esquerda Unida propoñemos unha serie de medidas que foron enumeradas pola coordinadora nacional. “A primeira ten que ver cos medios de comunicación, que é a eliminación da publicidade relacionada coa promoción, difusión e patrocinio de calquera forma de xogo por diversas vías (tanto en medios de comunicación como en Internet) encamiñadas a mostrar o xogo e as apostas como ocio. En segundo lugar, vemos a necesidade de manter lonxe as casas de apostas das zonas de ocio infantil e xuvenil, fixando un quilómetro de distancia para que os menores non accedan, o que evitaría casos como o de Vigo, do barrio de Navia, onde unha casa de apostas está moi próxima a unha escola”, explica Solla.

Outras das medidas é a necesidade de regular a instalación das casas de apostas. “A pesar do que di agora o vicepresidente da Xunta de Galicia, durante todos estes anos, a Xunta traballou unicamente para facilitar a implantación das casas de apostas, incrementando o número de licencias e outorgando autorizacións que non se revisan. Dende Esquerda Unida entendemos que as autorizacións deben ser revisadas ao amparo da lexislación para que se cumpran os preceptos da Lei”, sinala Solla.

“Queremos que se deixen de dar licencias de máquinas come cartos ou de máquinas de apostas deportivas para os locais de hostalaría, xa que entendemos que é un elemento que pon en perigo a saúde pública. No caso que os locais xa conten de autorizacións, propomos elementos encamiñados a impedir que se acceda a esta máquina por mecanismos semellantes ás máquinas de tabacos, despois dunha comprobación de maioría de idade e que estas máquinas non estean accesibles para menores. Tamén temos que desvincular o consumo de alcohol do xogo, é dicir, que se prohiba a venta de alcohol nestas casas de apostas”, apunta.

Por último, é interesante incidir en que, de non cumprir estas normas, o recadado, tal e como piden as asociacións que loitan contra a ludopatía, ten que ser investido no tratamento das ludopatías. “Tamén estas asociacións deben estar presentes na Comisión do Xogo para que se teña unha visión global da problemática”, incide a deputada.

Pola súa banda, Loreto Taibo lembrou que “xa en xaneiro iniciamos unha campaña de enfoque municipal que consistía na presentación de mocións en todos os concellos onde temos representación para controlar a proliferación de casas de apostas e tamén da súa publicidade”. Esta campaña foi valorada de “maneira positiva”, xa que “a moción foi aprobada en concellos como Vigo, O Grove ou Cambre. Agora, seguiremos dando continuidade e vixiando o cumprimento destas iniciativas”, remata.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
CAPTCHA
Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.