La Tienda Republicana

Antón Sánchez (En Marea): "Todo apunta a que Bernardo Tahoces é quen maquilla as desfeitas das empresas que contaminan"

19/04/2019

Así se expresaba o vicevoceiro de en Marea o pasado mes de maio e o tempo ven de darlle a razón, logo do coñecemento este xoves de que o director xeral de Enerxía e Minas terá que declarar como imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental. 

O deputado Antón Sánchez ven denunciando dende hai anos a falta de control da Xunta sobre as explotacións mineiras / En Marea

“Todo apunta á Bernardo Tahoces que é quen fabrica as escusas, as probas, fai desaparecer, maquilla as desfeitas das empresas que contaminan e sempre actuando a prol da actividade contaminante e contra os que defenden o medio ambiente", afirmaba entón o tamén coordinador xeral de Anova, ao tempo que reclamaba o cese inmediato de Ángel Bernardo Tahoces.

Agora, con máis razón volve a facelo logo de coñecerse que a Fiscalía está a investigar a este alto cargo do Goberno Feijóo ante as numerosas evidencias de posibles irregularidades pola súa actuación neglixente na polémica reapertura da mina de wolframio de San Finx, na localidade coruñesa de Lousame, e que terá que declarar o próximo día 2 de maio nos xulgados de Noia.

A Fiscalía de Medio Ambiente decidiuse a actuar logo de detectar numerosas irregularidades na explotación mineira de San Finx, como a ausencia do obrigado Estudo de Impacto Ambiental, a deficiente xestión das balsas existentes na zona ou a non actuación diante das verteduras contaminantes procedentes da actividade extractiva. 

Con anterioridade, En Marea xa rexistrara diversas iniciativas parlamentarias pedíndolle explicacións ao Goberno de Feijóo e aos responsables de Augas de Galicia, considerando que se estaba a ofrecer unha imaxe "dunha Administración autonómica cómplice dunha empresa", dado que para o vicevoceiro de En Marea, o Goberno da época do bipartito xa establecera a obriga de realizar un Estudo de Impacto Ambiental, trámite do que foi eximida a empresa cando o PP galego púxose a fronte da Xunta, permitíndose ademáis verteduras tóxicas con altos niveis de metais pesados como cadmio e zinc.

Diante desta situación, o grupo político amosou a súa preocupación "pola tolerancia e connivencia" da Xunta de Galicia coas empresas contaminantes que provocan danos ambientais e que acostuman a deixar pasivos ambientais que teñen que ser asumidos pola cidadanía con recursos públicos.