O falecido contrabandista Terito segue figurando como un dos propietarios da sede do PP en Cambados

25/02/2019

Vicente Otero Pérez, Terito, histórico contrabandista falecido en 1995, segue figurando no Rexistro da Propiedade como dono do 20% da sede do PP en Cambados. Así o vén de denunciar, divulgando un certificado do rexistro, Somos Cambados, formación política que se pregunta por que o PP “ten a súa sede local nun inmoble propiedade dun dos patriarcas do contrabando da serie Fariña”, que nos últimos meses volveu traer á actualidade a figura dese histórico contrabandista cuxa relación cos populares era amplamente coñecida.

Rexistro da Propiedade co nome de Vicente Otero, Terito, e sede do PP en Cambados CC-BY-SA Praza Pública

O PP local vén denunciando que o marido da alcaldesa de Cambados, a socialista Fátima Abal, foi administrador dunha empresa inmobiliaria propiedade dun cuñado que, como contou El País, foi investigado como presunto lancheiro de contrabandistas e narcotraficantes nos anos noventa. Segundo ese diario, o marido de Abal desvinculouse desa sociedade cando ela foi nomeada portavoz local do PSOE, pero a empresa seguiu tendo o domicilio social na vivenda do matrimonio ata dez meses despois de que chegase, co apoio entre outros de Somos Cambados, á alcaldía dunha vila controlada historicamente polo PP.

Antes as críticas reiteradas do PP, agora Somos Cambados revela que Terito segue figurando como propietario da sede local dos populares. A formación pregúntase se “no seu día, a concesión da medalla de ouro de Alianza Popular a Vicente Otero Pérez (alias Terito) tivo que ver coa decisión de ter alí a sede local” e censura a hipocrisía dos populares ao acusar agora á socialista. “Se teñen pensado seguir con estas políticas e acusacións, por coherencia, igual víñalles ben valorar un cambio de sede”, remata Somos Cambados.

Fuente: https://praza.gal/politica/o-falecido-contrabandista-terito-segue-figura...

Certificado do Rexistro da Propiedade divulgado por Somos Cambados co nome de Vicente Otero como propietario do 20% do inmoble Dominio Público Somos Cambados

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
CAPTCHA
Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.