Redacción •  Galicia •  13/02/2019

Ante a votación dos Orzamentos do Estado

Cando as dereitas nacionalistas de un e outro sesgo coinciden nesta estratexia, Esquerda Unida ten claro o seu lado da trincheira, polo que consideramos que seguir a manter  unha oposición de esquerdas ao actual Goberno, obriga analogamente a non facer de "tonto útil" do eixo PdCat/Cs/PP/Vox que queren ver no proceso electoral que lamentablemente se abre unha fiestra de oportunidade para a súa política de lameiro e bandeiras.

Ante a votación dos Orzamentos do Estado

Comunicado

Esquerda Unida ten defendido dende os primeiros momentos da negociación co PSOE sobre o marco orzamentario para 2019 que o obxectivo principal era traballar por erradicar os escenarios e políticas de recortes sociais impulsados polo goberno anterior do PP.

O acordo alcanzado hai meses entre o Grupo Confederal de En Marea-Unidos Podemos-Catalunya en Comú e o Goberno para a aprobación do Orzamento Xeral do Estado de 2019 era para nós un camiño correcto nesa dirección. Un acordo que comportaba de xeito palpable compromisos como a suba do Salario Mínimo Interprofesional de 736 € a 900 €, (aumento de máis do 22%); a revalorización das pensións co IPC e mellora das pensións de menor importe e das non contributivas un 3%,  suba do 40% respecto ao exercicio anterior nas contías para atender a persoas dependentes, avances na eliminación de privilexios fiscais ás grandes empresas e ás rendas máis altas e mesmo medidas de saúde democrática para avanzar na derrogación da criminalización da protesta social, desde a despenalización dos delitos de inxurias á Coroa ata a modificación da Lei Mordaza.

A pesar de que parte de eses acordos foron plasmados no proxecto orzamentario presentado polo goberno somos conscientes de que outros (e especialmente no capítulo de inversións con Galicia) están lonxe do proxecto orzamentario óptimo que desexaríamos. Por este motivo se prepararon dende o grupo de En Marea no Congreso máis de 300 emendas ao proxecto de orzamento para dende a discrepancia tentar corrixilo no trámite parlamentar.

Lamentablemente algúns puxeron por diante a política de «canto peor mellor» tumbando hoxe o proxecto orzamentario por motivos que nada teñen que ver coas cuestións sociais ou de inversión territorializada senón con lecturas oportunistas que so poden ser calificadas de temerarias nun escenario de adianto electoral que a todas luces vai ter un sesgo de rearme da ultradereita no estado español.

Cando as dereitas nacionalistas de un e outro sesgo coinciden nesta estratexia, Esquerda Unida ten claro o seu lado da trincheira, polo que consideramos que seguir a manter  unha oposición de esquerdas ao actual Goberno, obriga analogamente a non facer de «tonto útil» do eixo PdCat/Cs/PP/Vox que queren ver no proceso electoral que lamentablemente se abre unha fiestra de oportunidade para a súa política de lameiro e bandeiras.

Algunhas e algúns esquecen como Pablo Casado correu a Bruxelas para pedir que desde alí tomben o Orzamento, mendigando apoio ás elites capitalistas europeas para impedir que os traballadores máis necesitados do noso país cobren 900 € ao mes.

Por outra banda, ante a campaña de falsedades orquestada pola suposta coordinadora de En Marea (órgano que Esquerda Unida considera ilexítimo despois de alterar o proceso de eleccións de coordinadora do espacio e usurpar ilegalmente as funcións do Comité Electoral (CE) elexido no plenario de En Marea, coa expulsión de 3 membros do CE, sen aportar ningún documento que xustifique esta decisión), Esquerda Unida lembra que En Marea no Congreso só se rixe polo acordo político de coalición das tres forzas asinantes e mesmo este acordo sinala instrumentos de coordinación e diálogo no que tamén participan os deputados e deputadas eleitos /as.

O grupo parlamentar de En Marea configurase tralo resultado electoral das últimas eleccións xerais en base ao acordo de coalición das organizacións políticas EU, PODEMOS e ANOVA e os acordos do grupo parlamentar de Unidos Podemos-En Marea- En Común Podem. O acordo de coalición deixa claro e meridiano que as cuestións políticas dirímese nestes ámbitos e non en ningún outro. En Marea como partido instrumental non existía naquela altura nin é un ámbito da súa competencia os acordos subscritos por formacións políticas preexistentes.

O último plenario de En Marea si aprobou, pola contra, un documento político que dicía claramente que os grupos parlamentares do Congreso e Parlamento saen de acordos políticos e legais diferentes e polo tanto non homologables. Lóxica colaboración no traballo político pero respecto porque a súa configuración política é diferente.


Esquerda Unida /