Luís Villares apela a protagonizar en Tui “unha primavera democrática e social despois da invernía propiciada polos traficantes de alcaldías da dereita”

08/02/2019

“Dende En Marea queremos protagonizar en Tui unha primavera verdaderamente democrática despois da invernía que propiciaron os traficantes de alcaldías da dereita hai case dous anos”, asegurou o voceiro de En Marea, Luís Villares, esta tarde durante a presentación da marea de Tui, na que tamén participaron Paula Álvarez e Manuel Vázquez Ferruxo.

Manuel Vázquez Ferruxo, Luís Villares e Paula Vázquez

Un proxecto que naceu hai catro anos como Son de Tui, formando parte do goberno municipal nunha coalición que dous anos máis tarde tumbaría a dereita cun pacto que sumiu á localidade “nunha invernía que deu lugar a unha absoluta innoperancia na acción de goberno, no que moitos proxectos quedaron truncados”, explicou o voceiro de En Marea. Un pacto da dereita “que esqueceu ás tudenses, un pacto incapaz de xestionar as necesidades e intereses da cidadanía de Tui; un pacto incapaz de xestionar a traxedia de Paramos e de recuperar as condicións de vida da cidadanía despois da explosión”, precisou Villares.

O voceiro de En Marea apelou á necesidade de deixar atrás este esquecemento e mudalo por algo mellor, “que é o que vimos a facer aquí hoxe coa presentación da marea de Tui, para lanzar logo un proceso de primarias e conformar unha lista gañadora, unha lista que recupere a ilusión para Tui e que traia unha primavera democrática e social”. Villares fixo un chamamento á participación dos sectores sociais, dos sectores cívicos e de toda a sociedade civil para facer de Tui unha cidade mellor. “E nesta tarefa non sobra ninguén, porque somos un espazo plural e cooperativo”, concluiu o voceiro de En Marea.

Paula Álvarez explicou o nacemento de Son de Tui hai catro anos cando formou parte do Goberno Municipal e “a xente viu que era posible outra forma de facer política”. E hoxe, coa marea de Tui “pretendemos manter aquel traballo, que non debeu interrompirse. É un proxecto con vocación de continuidade e que queremos consolidar. E unha oportunidade que non podemos deixar pasar”, asegurou Álvarez durante a presentación na que desexou para Tui e a súa cidadanía “que volva a primavera, que de inverno xa estamos cansos”.

Temas: