Esquerda Unida lamenta que a Fiscalía renuncie a investigar á FNFF por delitos de odio

02/02/2019

Eva Solla: “Polo que coñecemos nos medios, lamentamos que a Fiscalía renuncie a investigar a apoloxía dun réxime sanguento como foi o réxime franquista”

Eva Solla y Rubén Roldá / EU

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, vén de manifestar esta mañá a súa sorpresa por coñecer, dende os medios de comunicación, a resposta da Fiscalía “da que aínda non tíñamos ningunha notificación oficial”, respecto á denuncia interposta á Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) por delitos de odio e negación de crimes de lesa humanidade do franquismo. “Polo que coñecemos nos medios, lamentamos que a Fiscalía renuncie a investigar a apoloxía dun réxime sanguento como foi o réxime franquista”, expón Eva Solla.

A primeira denuncia interposta por Esquerda Unida contra a FNFF foi en outubro de 2017, por delitos de odio e negación de crimes de lesa humanidade. Despois, dita denuncia foi ampliada en maio de 2018 pola exaltación da figura do ditador e por seguir a facer apoloxía do fascismo. Segundo explica Solla, “vivimos nun país que semella non entender o dereito á liberdade de expresión, que se ben castiga a persoas que veñen do mundo da cultura ou do sindicalismo, intenta protexer a quen fai apoloxía dun réxime que se levou por diante a vida de milleiros de persoas”.

Dende Esquerda Unida consideramos que o modo de operar da FNFF, baseado en negar delitos de lesa humanidade, non debe ser tolerado nun país democrático, polo que presentamos esta denuncia na Fiscalía. É por iso que, “en canto recibamos a resposta notificada formalmente, estudiaremos que imos facer”, apunta Eva Solla, que tamén lamenta que “de ser esta a contestación da Fiscalía, pareceríanos lamentable que o noso país non condene estas conductas como si o fan outros países europeos”.

Tal e como dixo Paul Preston, España é unha anomalía en Europa ao manter, por exemplo, o Val dos Caídos como lugar de peregrinaxe ao ditador. Tamén a ONU recomenda que o noso país se esforce en promover a verdade, a xustiza e a memoria para fortalecer a confianza da cidadanía nas institucións.

“Esta mañá tamén estamos moi atentas ao xuízo que se celebra en Santiago contra os Franco para devolver ás mans públicas as esculturas da catedral espoliadas. Dende EU seguiremos a traballar para rematar con estes roubos e coa impunidade franquista, así como pola ilegalización dunha Fundación que debería estar prohibida por exaltar a ditadura Franquista”, remata.