Esquerda Unida aproba por unanimidade unha resolución ante o grave deterioro da sanidade pública e en defensa desta como dereito fundamental

28/12/2018

Esquerda Unida vén de aprobar na cordinadora nacional, unha resolución en defensa da sanidade pública ante a necesidade de blindar un dereito que día tras día está sometido a un deterioro excepcional como consecuencia das políticas do Partido Popular que segundo recolle a resolución consecuencia,  " dunha década de recortes orzamentarios que pesan como unha lousa nas costas das e dos profesionais e o conxunto da cidadanía."

A resolución aprobada por unanimidade constata a realidade do sector sanitario.
 
"Unha lousa que se evidencia no abandono dos servizos dependentes de organizacións sen ánimo de lucro, como é atención ás drogodependencias. Non só estes servizos básicos seguen sen proporcionarse dentro da sanidade pública, se non que acumulan demoras nos pagos por parte da Xunta de Galicia. Poñendo en perigo o seu traballo e a atención a persoas en situación moi vulnerable. 
 
Unha lousa que se manifesta no progresivo deterioro das diferentes unidades de atención na sanidade pública. Motivo que está sendo rexeitado cada vez máis amplamente pola cidadanía. 
 
A proliferación de loitas na defensa dun dereito tan básico, ten actualmente o seu máximo expoñente na Atención Primaria, na que a falta de persoal e recursos económicos, produce unha descapitalización do primeiro nivel asistencial.
 
A posta en marcha das xerencias integradas e a eliminación das xerencias na propia Atención Primaria xunto coas políticas de recortes, anularon a capacidade de xestión en influencia deste nivel, deixando de contemplalo como o eixo fundamental do sistema.
 
Esta situación levou fai pouco á dimisión de de case a totalidade das xefaturas de servizo na Atención Primaria da Área de Vigo e a convocatoria dunha manifestación o 27 de decembro nesa cidade. 
 
Ademais, a falta de previsión xunto coa instauración dunha política de precariedade laboral, levaron ao persoal dos Puntos de Atención Continua a unha Folga que en xaneiro pasará a ser indefinida e que un dos fitos máis importantes veu marcado pola morte dunha persoa no PAC de A Estrada por falta de persoal. 
 
Unha falta de persoal que tamén está a repercutir entre as nenas e nenos que están quedando desatendidos pola falta de pediatras, unha situación na que xa se botaron á rúa centos de nais e pais reclamando o dereito á saúde das súas fillas e fillos.
 
Pero o conflito non é unicamente na Atención Primaria, as urxencias do CHUS levan máis dun mes de folga ante a falta de persoal e de medios materias. Unha falta que tamén se levou por diante a vida dunha persoa no corredor das urxencias. 
 
Todos estes conflitos levaron a unha acción coordinada de toda a oposición do Parlamento de Galicia para presentar unha comisión de investigación, que foi secuestrada pola maioría absoluta do Partido Popular, impedido que as vítimas das súas políticas puidesen ser escoitadas no Parlamento."
 
Por todo isto dende Esquerda Unida manifestamos o noso total compromiso coa defensa dun sistema público de saúde, e sumámonos ás mobilizacións previstas para mañá xoves en Vigo.