La Tienda Republicana

Antón Sánchez: "A autorización ambiental do parque eólico Mouriños non garante a preservación dos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos da zona afectada"

20/08/2018

Bo coñecedor das virtudes da Serra do Gontón (Cabana de Bergantiños), o paraíso natural onde Naturgy pretende instalar o proxecto, o vicevoceiro de En Marea leva máis dun ano denunciando que a posta en marcha desta instalación responde ao tipo de políticas que o PP de Alberto Núñez Feijóo ven desenvolvendo en Galicia, a través dunha "venda" sistemática do territorio que non ten en conta o interese xeral e que non protexe en ningún caso á terra e as súas xentes fronte á cobiza das grandes multinacionais, pero que sin embargo sí fomenta o "capitalismo de amiguetes" para liquidar Galicia "a prezo de saldo". 

Serra do Gontón, en Cabana de Bergantiños (A Coruña) / Salvemos Cabana

O deputado considera que a aprobación ambiental do parque eólico de Mouriños que a Xunta fixo pública esta semana "non garante a preservación dos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos da zona" e confirma "unha vez máis" a aposta do Partido Popular "por un modelo económico de espolio" dos recursos naturais, "baseado en que aquí quedan os impactos e os beneficios fuxen de Galicia e non xeran ningún tipo de riqueza na economía local e nin sequera deixarán un euro de canon eólico", todo isto "nun país excedentario en produción eléctrica e que paga a factura máis cara do Estado".

PARALIZACIÓN DAS DIRECTRICES DA PAISAXE

Sánchez denuncia que a política do Goberno de Núñez Feijóo "pon á Administración ao servizo destas empresas" ao paralizar a aprobación das Directrices da Paisaxe para non prexudicar a implantación destes parques eólicos" porque para cando se aprobe esta normativa, "estes parques xa estarán autorizados ou instalados e polo tanto xogaremos a feitos consumados", impulsando así un tipo de proxectos "que non xeran riqueza na economía local e sí xeran grandes beneficios que poderían ser, con outro modelo, un xeito de dinamizar a economía rural de Galicia".

"A demora da aprobación das Directrices da Paisaxe é a coartada perfecta para que se autoricen parques eólicos sen un marco esixente de protección da paisaxe e sen o nivel de esixencia maior ao que obrigarían esas normas" -afirma o deputado-, lembrando que dende finais do ano pasado atópanse en trámite 21 proxectos eólicos que afectan a 30 concellos galegos. 

UNHA SITUACIÓN FOMENTADA POLA LEI DE DEPREDACIÓN

Mentres as Directrices da Paisaxe continúan paralizadas, Sánchez alerta de que "seguen adiante as tramitacións de proxectos empresariais que, sen o debido control, poden ter un impacto altamente negativo no entorno", axudados pola Lei 5/2017 ou "Lei de Depredación", aprobada pola vía urxente en tan só tres meses, feita cun trámite "totalmente pirata para impedir un debate sosegado da sociedade e todas as forzas políticas".

PAPEL DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

Así as cousas, o tamén Coordinador Xeral de Anova insta á aprobación das Directrices da Paisaxe e critica a xestión da Conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, de quen considera que está "máis preocupada en remover calquera obstáculo ambiental para a actividade das empresas e en agochar as consecuencias das desfeitas ambientais que en protexer o medio ambiente".

Por iso, reclama unha revisión do plan sectorial eólico unha vez se aproben as Directrices da Paisaxe, dado que o PP "está a pasar por riba" da veciñanza ao declarar de utilidade pública estes proxectos eólicos cando a instalación dos mesmos "non está a deixar beneficios e sí impactos" no que supón unha "estafa xeralizada" á cidadanía.

O MODELO EÓLICO DO PP

Antón Sánchez considera,, que "o modelo eólico promovido polo Partido Popular é o modelo do espolio, que agasalla aos grandes investidores o territorio, o vento e os beneficios producidos" pois nun sector cunha facturación anual que supera os 600 millóns de euros "máis do 85% do capital investido é extranxeiro", repartido entre grandes eléctricas, bancos e fondos voitre. 

"En cambio para o noso país só quedan as migallas" -denuncia Sánchez-, pois o único que busca o Goberno do PP "é acelerar o espolio da riqueza en Galicia aínda que sexa a costa do impacto paisaxístico e ambiental" -remata o deputado-.