La Tienda Republicana

En Marea alerta da paralización dos xulgados de violencia de xénero debido á ausencia de substitutos para o verán

25/06/2018

En Marea denuncia o colapso que, xa dende o ano pasado, padecen os xulgados galegos especializados en violencia de xénero; e alerta da paralización aínda maior que sen dúbida se producirá nos vindeiros meses, debido á carencia de sustitutos que cubran as vacacións de verán do persoal destas salas. O voceiro chama a atención sobre a “inasumible carga de traballo” que estes xulgados veñen padecendo; e augura unha acumulación de asuntos aínda maior, máis inaceptable aínda se cabe nun ámbito tan sensible como é a protección ás vítimas de violencia machista.

“O ano pasado vivimos situacións dramáticas nos xulgados de Vigo e A Coruña”, que en menos dun ano pasaron de ter cento e pico dilixencias vivas a máis de 300″. Explícao Luís Villares, que augura un remate de ano especialmente complicado para as salas especializadas ou con competencias en violencia de xénero se non se poñen os medios necesarios para revertir a xa complicada situación.

A pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia prevé unha partida para costear os salarios do persoal sustituto, esta non pode executarse se previamente non se aproba o orzamento anual; “polo que a día de hoxe as substitución non están garantidas”. Un problema que non é novo, e que xa o ano pasado provocou un incremento da carga de traballo “inasumible”; que se agravou aínda máis coa folga dos últimos meses.

Tal e como lembra o voceiro de En Marea, ademais os xulgados de violencia de xénero terán que asumir transitoriamente parte da carga de traballo que correspondería aos xulgados de familia; dando lugar a unha “disfunción esencial”, e a unha dilación na resolución de asuntos que podería atallarse aportando os medios humanos necesarios para o seu correcto funcionamento.

Coro de grilos para acalar o fracaso político do presidente ausente

Por outra banda, Luís Villares critica o regueiro de lamentos e rogos que ao longo dos últimos días se veñen deixando sentir arredor da figura de Alberto Núñez Feijóo. “Laios que xa duran toda unha semana en Galicia, e dos que a maioría das galegas e galegos nin sabemos nin nos interesa saber. Queremos que o presidente da Xunta goberne, despois de dous anos como presidente de cartón pedra desfollando unha margarida que rematou sendo un fracaso político en toda regla”, indica o voceiro de En Marea; que critica “a cobardía dalguén batido sen combate; dun presidente que non foi quen nin de presentarse a unhas primarias”. “O único que nos interesa é que quen ten responsabilidades de goberno as exerza. E se ese coro de grilos quere ter a Núñez Feijóo en 2020, que lle fagan unhas primarias e que se presente. Sería un bo exercicio democrático”, remacha Villares. Que denuncia ademais o exercicio de cinismo que supón o feito de que o presidente da Xunta pretenda agora, tras ter vetado o seu partido o traspaso a Galicia da AP-9, abandeirar esa reclamación. “Que non veña defender algo que ata agora non tivo o valor de defender. Por que? Porque aspiraba á sucesión de Mariano Rajoy”, indica o voceiro de En Marea; que ve no “fracaso político” de Núñez Feijóo como sucesor á presidencia do Partido Popular “a evidente fin do seu ciclo político”.

Nesa liña, Luís Villares lebrou os “dous anos sumamente decepcionantes” que o goberno de Feijóo supuxo para Galicia. “E se en 2020 se presenta, poderemos derrotalo como fixemos con Fraga. Que ninguén pense que este é un retiro dourado, ou que Galicia é un premio de consolación para os que non se atreven a presentarse en Madrid”.

Pazo de Meirás

O voceiro de En Marea tamén quixo celebrar as conclusión do informe do comité de expertos sobre o Pazo de Meirás. “Desde En Marea sempre defendemos que Meirás debería volver ser patrimonio público, e que o que se produciu baixo a forma dunha doazón foi unha expropiación, un privilexio que o réxime franquista concedeu aos seus dirixentes e que continuou” ata o día de hoxe, demostrando “que a transición deixou cabos sen atar”.

Nesa liña, Villares valora “os pasos decididos da sociedade para facer retroceder os resquicios da dictadura”, e amosa o seu desexo de que a familia Franco se aveña a aceptar a devolución desa propiedade. “Este é un tema que vai moito máis aló do simbólico: é un exercicio democrático de primeira orde que consiste en rematar coa inmunidade que deixou o franquismo a nivel sociolóxico; pero tamén xurídico, económico e relativo ás propiedades”, explica o voceiro de En Marea, que incide no desexo de que “o pazo sexa pronto un recinto aberto ao público” ao servizo da memoria histórica.

Temas: