La Tienda Republicana

Compromiso por Galicia reclama o cese de López Veiga como presidente da Autoridade Portuaria de Vigo

30/04/2018

Para CxG, "o PP non debe permitir ter á fronte dun ente público un xestor que pode ser condenado por vulnerar un dereito fundamental a liberdade sindical, utilizando métodos que acabaron sendo denunciados". 

Porto de Vigo / Creative Commons
Neste sentido, CxG mantivo unha reunión en Vigo con representantes dos traballadores no comité de empresa. O Secretario Xeral de CxG, Piñeiro Docampo, manifesta como nefasta a xestión pública do Porto de Vigo o que está a significar a perda de liñas importantes e de consignatarias que desvían o seu negocio para o porto de Leixões. A xestión de López Veiga só busca que a cuestión remate nunha privatización de servizos e nunha externalización dos traballadores. Principalmente torna como moi preocupante o caso do porto pesqueiro e a lonxa de altura, onde o futuro marca unha perda de flota, que vai ir aos portos de Irlanda ou Francia; onde lle dan facilidades que non teñen en Vigo.
 
Igualmente, a xestión de López Veiga e a súa vontade política por desmontar o Porto de Vigo como motor da economía do sur de Galicia, leva a unha conflitividade laboral crecente. Neste sentido, o actual Presidente da autoridade portuaria de Vigo, enfrontase a preitos por vulnerar o dereito de liberdade sindical, recollido no artigo 28.1 da constitución española. Neste sentido non deixa de sorprender que un “prohome” do PP non respecte a constitución e mais os seus principios fundamentais. Estamos ante unha vulneración de dereitos recollidos pola OIT (Organización Internacional do Traballo) sobre a liberdade sindical e que tamén figuran na estratexia europea do piar social, por iso CxG pide que sexa cesado fulminantemente ante a gravidade das súas actuacións.
 
Co fin de recuperar a paz social dunha empresa de mais de 200 traballadores, os que puxeran a López Veiga ao fronte da xestión do primeiro motor económico do noso país deben tomar a decisión política do seu cese, xa que o PP ergue sempre o estandarte da constitución e a súa defensa.
 
CxG considera que "Vigo non pode permitir unha xestión caprichosa dun piar da economía local e de Galicia".