Antón Sánchez carga contra a xestión do sector eólico por parte da Xunta de Feijóo

01/03/2018

O deputado considera que o parque eólico Pena Forcada-Catasol II, que Gas Natural Fenosa pretende instalar no Concello de Laxe "é un bo exemplo do modelo do sector eólico que implantou o Partido Popular dende os tempos de Fraga". 

Alberto Núñez Feijóo na inauguración da repotenciación do Parque Eólico de Malpica / Xunta de Galicia

Durante a presentación esta semana da Proposición Non de Lei  de En Marea en rexeitamento á autorización da Xunta a este polémico proxecto considerou que aínda que Galicia ten "un territorio cun potencial enorme en horas de vento, un recurso eólico que non ten parangón en toda a Península Ibérica", o que fixo o Partido Popular "foi lexislar para que eses recursos fosen para beneficio dunhas poucas empresas", sobre todo de fóra.

O deputado recorda que os datos din que "máis do 85% do capital investido no eólico en Galicia é extranxeiro" e non se optou "por outro tipo de modelo con maior retorno social como sí se fixo noutros países con maior participación da xente", senón que se optou "por repartir a tarta do vento" prioritariamente ente as grandes eléctricas. 

Sánchez recordou que durante moitos anos o sector eóico estivo para a nivel galego e instouse ao Goberno a reformar o plan sectorial, nun tempo que podería utilizarse "para que moita xente entrase no negocio do sector". Sen embargo -afirmou- "houbo parálise absoluta e só cando as condicións económicas o permitiron volvemos para darlle unha volta de torca para seguir beneficiando aos de sempre".