La Tienda Republicana

En Marea presenta o seu decálogo de ordenación forestal de Galicia e as medidas de loita contra o lume

16/08/2017

Aposta por unha estratexia integrada, a elaboración du plan do monte galego que leve a cabo a redución da eucaliptación, e un servizo contra incendio público que traballe todo o ano centrado na prevención.

En Marea pide unha nova política de acción na loita contra o lume en Galicia / Creative Commons
O voceiro de En Marea, Luís Villares, e as deputadas no Parlamento, Paula Quinteiro e Davide Rodríguez, presentaron en Ourense o decálogo de En Marea para a loita contra os incendios forestais en Galicia. A gravidade dos lumes forestais que cada afectan ao territorio galego, en especial á provincia de Ourense,  e despois da traxedia vivida en Portugal e a situación de emerxencia que vive ese país por causa dos incendios, En Marea considera preciso analizar a nosa propia situación, similar en moitos casos a dos nosos veciños e articular medidas que permitan evitar traxedias humanas e ecolóxicas.
 
Luís Villares sinalou na súa intervención que para evitar os lumes en Galicia hai que "cambiar o modelo produtivo", realizando un "mellor aproveitamento dos recursos e acabando coa implantación de especie pirófitas como o eucalipto". Villares apuntou que Galicia "ten que ver o que está pasando en Portugal para calcular o seu futuro", engandindo que no país veciños "xa están tomando medidas para evitar a situación que agora padecen, pero en Galicia seguimos co mesmo modelo de explotación do monte que deixou Franco". Villares explicou que a Xunta tivo a ocorrencia de crear a axencia forestal na consellería de Economía, "isto xa o di todo da política da Xunta". En Marea pedirá no parlamento a dimisión do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, ao considerar que facendo unha xestión nefasta do forestal en Galicia.
 
Paula Quinteiro pediu que se acabe "coa dispersión da xestión da extinción de incendios, recuperando un servizo completamente público e non o que ten agora Galicia que está en man das empresas". Quinteiro valorou o traballo que fan os bombeiros forestais e engadiu que o compromiso desta xenta arriscando vidas "non ten contrapartida por parte da Xunta con dotación de medios".
 
Davide Rodríguez, sinalou na rolda que en Galicia hai "500.000 hectáreas de eucalipto, pero a lei di que non pode haber máis de 200.000, algo estamos facendo mal". Tamén apuntou Rodríguez que a Xunta de Galicia "non é capaz de cumprir co seu propio Pladiga". O deputado de En Marea explicou que o plan foi "presentado tarde e mal, pero agora nin sequera se ateñen a el".
 
As políticas públicas levadas adiante no medio rural durante os últimos 30 anos, demóstranse insuficientes para a prevención e a extinción de incendios, comezando polo abandono do rural, a falta de inversión e servizos públicos, a reforestación mediante especies alóctonas de ciclo curto que hoxe supoñen mais do 50 por cento da nosa superficie forestal mentres que no 1987 eran apenas do 3 por cento. A isto súmase o abandono e falta de coidados, así como unha política baseada na extinción e non na prevención cun custe de 173 millóns de euros anuais. Unha serie de cuestións que teñen provocado que soamente este ano Galicia rexistrara preto de 180 incendios entre Decembro e Xaneiro e mais de 386 no mes de Abril.
 
“Existe na administración pública galega un discurso unicamente produtivista do monte, negativo en termos sociais e ambientais, e insuficiente e precario en termos económicos” denunciou Luís Villares. Por este motivo, En Marea entende preciso mudar as políticas de protección do territorio, prevención e extinción de lumes, avanzando cara unha política de protección e conservación do monte galego como parte fundamental do noso ser social e económico.
 
Así, o grupo parlamentario de En Marea presenta un decálogo de medidas urxentes a impulsar por parte do Goberno galego que permitirían enfrontar o problema dos incendios forestais no noso país.
 
Xestión integrada
 
O primeiro dos puntos pasaría por contar cunha estratexia integrada da loita contra o lume onde os propietarios e administracións tiveran claras as competencias permitindo levar a cabo actuacións de xeito organizado e coordinado para logra que as accións preventivas tiveran máis importancia dentro da planificación xeral. Neste sentido, En Marea destaca a necesidade de aprobar con antelación á tempada de verán un PLADIGA que sexa resultado de mesas de traballo e negociación coa sociedade civil e as maiorías sociais. “Precisamos un modelo que perdure no tempo froito do consenso entre axentes sociais, empresarias e políticos” afirmou Luís Villares.
 
O segundo punto centraríase na información e divulgación dos plans de emerxencia que contemple ademais comprobacións periódicas de recursos e actualización dos equipos e medios dispoñibles, formación e realización de exercicios e simulacros nas poboacións limítrofes coas masas forestais. En Marea aposta pola creación dun marco normativo que contemple a existencia de creación de plan específicos de emerxencias e de auto protección para persoas e bens, así como a elaboración dun mapa de riscos de maiores danos persoais, naturais ou a infraestruturas. “A poboación ten que saber que facer en caso de incendio” asegurou Villares.
 
A aprobación da Lei Galega de mitigación e adaptación ao cambio climático sería outro dos puntos a desenrolar e que debería ter como principal obxectivo definir a estratexia galega contra o cambio climático cunha aposta pola eficiencia enerxética, o impulso ás fontes enerxéticas de orixe renovable na que se tentará que as fontes enerxéticas e a produción de residuos fagan fronte a todos os custes que producen. Para isto se fomentaría a descentralización enerxética para reducir as emisións no transportes, e incentivar a redución da velocidade máxima en vías interurbanas. Esta Lei impulsaría cambios nas políticas forestais, agrícolas e gandeiras de cara reducir a súa dependencia de combustíbeis fósiles e establecendo un marco de apoio ao I+D+I para favorecer a mitigación dos efectos do cambio climático.
 
O cuarto punto sería establecer un Plan social e de estímulos ao rural no que se incluiría o freo a especulación a través de reformas legais que impidan as recalificacións de terreos que teñan padecido unha catástrofe natural que deberán, pola contra, manter as súas condicións anteriores para a súa rexeneración. Incluiría tamén un plan de emprego público para o rural que reforce as oficinas agrarias comarcais, centros de investigación agraria e centros de formación e extensión agroforestal, que presten apoio tanto ás explotacións agrarias como aos montes en man común e proxectos de incorporación de mozos e mozas á actividade agraria. Este plan polo emprego no rural debería incluír un estímulo fiscal favorecendo as persoas e explotacións que apliquen políticas de boas prácticas no eido agrario e forestal. Deben introducirse asemade criterios multifuncionais nas ordes de axuda en materia de montes, así como a condonación das débedas das comunidades de montes.
 
Novo modelo forestal
 
En Marea defende a necesidade de levar a cabo unha reforma na normativa actual. Así revisaríase a Lei de Montes para reverter o proceso de abandono, xerar riqueza e dinamismo, preservar a seguridade alimentar, conservar o solo, manter o ciclo de auga e ciclos ecosistémicos e preservar a paisaxe e a biodiversidade, permitindo un mundo rural multifuncional que diversifique as súas opcións, evitando, ademais, que sexa unha carga económica para o conxunto da sociedade, especialmente, en relación á loita contra o lume que bota por terra o futuro de todos. No relativo á ordenación dos montes veciñais. A Xunta de Galicia asumirá o compromiso de realizar os deslindes e os plans de ordenación dos montes veciñais.
 
Para o grupo parlamentario de En Marea é urxente entre outras cuestións aumentar as distancias mínimas de separación entre as masas forestais e calquera ben inmoble, pasto e zonas agrarias. Neste sentido o voceiro denunciou que “o primeiro que fixo Feijóo cando chegou á Xunta foi reducir as distancias de seguridade dos núcleos de poboación a metade de tal maneira que hoxe un incendio que ten picos de chamas de 60 metros pode alcanzar directamente ás casas cando antes non o podía facer grazas a distancia de 100 metros marcada por lei”.
 
En Marea aposta por recuperar como forma de xestión democrática e participada da propiedade privada forestal con carácter preferente as Unidades de Xestión Forestal e derrogación das actuais SOFOR. Establecer o selo de certificación forestal público galego como garantía de sustentabilidade, son outras das propostas de En Marea.
O voceiro remarcou tamén a necesidade de dotar de recursos suficientes ao BANTEGAL para facilitar o incremento da base territorial das explotacións e o acceso á terra de novos agricultores. A mobilización das terras estará ligada á posta en marcha de producións sustentables e innovadoras no rural galego.
 
En Marea propón tamén a elaboración dun novo plan do monte galego que inclúa unha planificación a medio e longo prazo que conteña a delimitación do espazo monte dentro da ordenación do territorio e o mapa de usos entroncado coas comarcas do país.
 
Este novo documento incluiría a redución progresiva da superficie ocupada por eucalipto así como a eliminación desta especie de espazos naturais sensibles ou protexidos e pedir ao Ministerio a súa inscrición no catálogo de especies exóticas e invasoras do Estado. O plan atenderá tamén a outras especies exóticas invasoras como mimosas que deberán tamén contar con plans propios de redución da súa presenza. Apostaría por incrementar a superficie de patrimonio forestal público de Galicia para acadar cotas en consonancia coa media europea.
 
Uso das terras agrarias
 
O uso das terras agrarias é outro dos puntos destacados no decálogo de En Marea no que se establece unha estratexia galega de administración de Terras que permita desacelerar a inmobilización das terras asociadas ao déficit temas relacionados coa propiedade rústica a través dun novo Servizo de Apoio á Xestión de Terras de Galicia. Mellorarase e impulsaranse, asemade, os deslindes, inventario e cartografado dos Montes veciñais en man común, analizando a situación actual de xestión e aplicando as responsabilidades subsidiarias da Xunta de Galicia en relación á mesma.
 
Traballaríase por frear a perda de superficie agraria útil e a protección do solo de maior aptitude agraria para o que o simple cumprimento e desenvolvemento das Directrices de Ordenación do Territorio e a aplicación efectiva e responsable do marco legal vixente (como a Lei de Mobilidade de Terras ou algúns preceptos da Lei de Montes) abondaría para frear esta perda. Cómpre que a Xunta desenvolva as disposicións e programas que permitirían a súa aplicación efectiva como salientou o voceiro de En Marea.
 
Crearíase un novo plan de ordenación de uso da terra e de orientación de cultivos que inclúa un novo plan estratéxico contra a reforestación ilegal de terras e a recuperación da superficie agraria útil.
 
Reforzar a prevención
 
A prevención debe ser o eixe central da actuación pública. Para iso, os Distritos Forestais porán toda a atención no cumprimento das faixas e perímetros de seguridade no seu territorio de influencia así como nas tarefas de control de biomasa nos montes xestionados pola administración. A Xunta realizará as modificacións lexislativas necesarias para garantir o cumprimento deses obxectivos e activará todos os protocolos para que os titulares das infraestruturas de transporte tamén os cumpran. Converter a prevención no eixe central da actuación pública requirirá a redefinición das funcións que compren os traballadores do servizo polo que a distribución dos tempo de traballo deberá facer fincapé nas funcións de prevención e traballos forestais.
 
En Marea apunta así mesmo, a necesidade de que se cumpra de xeito estrito a lexislación vixente destinando medios para o seu control, en relación á forestación de terras agrarias, e modificacións lexislativas que garantan o cumprimento do obxectivo de manter as terras de aptitude agraria ou con valores ambientais afastadas do cultivo forestal.
 
Novo servizo de extinción de incendios
 
O último dos puntos do decálogo presentado por En Marea céntrase na creación dun dispositivo único e público de loita contra incendios restablecendo o mando único e realizando a totalidade das contratacións da campaña do verán do plan de Defensa contra os Incendios Forestais a través das listas oficiais de contratación da Xunta. Un Servizo de Prevención e Defensa Contra incendios único e público orientado á prevención antes que a extinción.
 
Débese recuperar o peso específico do binomio autobomba/brigada fronte o excesivo uso de medios aéreos que son necesarios pero non tan eficientes. Hai que dotar aos traballadores e traballadoras do servizo, de medios modernos e axeitados para desenvolver o seu traballo de forma segura e eficaz.
 
Así mesmo, é imprescindible incrementar a duración dos contratos, a día de hoxe contratadas tan só 3 meses ao ano, que pasarían a duracións mínimas de 9 meses ofrecendo ademais formación continuada ao persoal do SPDCIF para actuar perante os lumes de cuarta xeración.