Ernesto Ilkermn - Roberto Solano •  Galicia •  30/03/2017

Concentración polo dereito das mulleres a vivir en paz

O pasado xoves a Rede de Mulleres Veciñáis contra os Malos Tratos concentrouse no centro de Vigo, diante do MARCO, para defender o dereito das mulleres a vivir en paz, como veñen facendo cada último xoves de todos os meses. Porque lamentablemente segue a haber mulleres asasinadas, os últimos casos no Campo de Criptana e tamén en Portugal.

Concentración polo dereito das mulleres a vivir en paz
Ao longo da concentración tomaron a palabra varias delas, para denunciar a violencia machista que tamén, aquí preto de Vigo, se cobrou a vida de Sesé. Como recordaron «non son números, non son só unha macabra estatística» senón que «son nais, fillas, irmás e amigas que sucumbiron baixo o terrorismo machista».
 
En referencia ao 016, recordan que «un número para denunciar é necesario mais non abonda» polo que esixen á Administración «un compromiso acorde», «implementando medidas urxentes, actuacións e dotación de medios de protección e prevención adecuadaos ao perigo real» que afrontan polo simple feito de seren mulleres.
 
Tras adicar unhas verbas a Sesé, pediron una «toma de consciencia individual» para «despoxarnos dese xerme de machismo inculcado. Desaprender desta «cultura» fomentada na sociedade dende instancias de poder e amplificada nos medios, que atravesa as nosas vidas en todos os eidos». Ese traballo dende a coherencia individual «redundará tamén na educación das nosas fillas e fillos nun novo sistema de valores que comezará na casa e continuará no cotián, na escola, no posto de traballo e no conxunto da sociedade».
 
Remaron lendo cinco versos de Sesé, a asasinada en Chapela que tamén era comprometida, solidaria e feminista:
 
«Rosas que se queman
Lluvia que las alienta
Y después de tanto intento
Agua y semillas frutas venideras».
 
+FOTOS nestes links de Roberto e Ernesto

feminismo /  machismo /  Violencia de Género /