La Tienda Republicana

Galiza di NON ao TTIP, CETA, TISA e demáis tratados de libre comercio

Multitudinaria manifestación na tarde do sábado 15 de outubro, malia a choiva que caía en Vigo. Milleiros de persoas ateigaron as rúas do centro da cidade, na manifestación central da Galiza, para dicir NON aos tratados do capital. Uns tratados (TTIP, CETA, TISA etc.) que quere asinar a Unión Europea con diversos estados, entre eles EEUU ou Canadá, polo que a soberanía dos pobos europeos quedará suxeita á xurisdicións foráneas compostas por empresas, e non por xuíces. 

Ese mesmo capital para o que só somos mercadoría prescindirá das normativas sanitarias, vendendo produtos sen garantías e supervisión dos estados ou da UE ou impondo as súas nas que o único que terán en conta será a forma de obter maiores beneficios económicos para as empresas ao marxe da seguridade dos consumidores. As multinacionais faranse co pouco de público que inda nos queda, como a sanidade ou a educación, que poderán ser prestadas por empresas alleas sen que as Administracións Públicas poidan intervir na súa xestión, salvo para pagar cos nosos impostos o beneficio privado.
 
 
Para a Galiza ten ademais efectos inda máis perxudiciais: a liberalización do comercio a ambos lado do Atlántico suporá o fin de moitas explotacións agrarias e pesqueiras. Denominacións de orixe quedan sen protección. E os sectores produtivos do país verán como caen nas mans da rapiña internacional, con salarios á baixa e moitos máis desempregados. Así o avisaba a eurodiputada Lidia Senra en declaracións aos medios advertindo de que “se o TTIP está en fase de negociación o acordo con Canadá [CETA] xa está negociado e estase en fase de ratificación”.  Ambos tratados, afirmou Lidia Senra “afectan moi negativamente á toda a sociedade, tanto desde a perspectiva da alimentación como da agricultura” Citou como exemplo o dano que farán á produción galega no sector agrario ou a perda das denominacións de orixe que quedan sen protección. Outro aspecto que destaca é a chamada “cláusula de protección das inversións” pola que calquera empresa multinacional podería denunciar a un estado cando entendera que os beneficios da empresa poden ser minorados por calquera lei que protexa os dereitos da cidadanía ou promova a economía local. Puxo o caso de Corcoesto a modo de exemplo; paralizouse un megaproxecto mineiro dunha empresa canadense na Galiza: “podería demandar ao estado español e a sociedade galega podería ser condenada, nuns tribunais de arbitraxe feitos á medida dos intereses das multinacionais, a pagar o que a empresa entende que perde por non poder seguir adiante con ese proxecto”. Por outra banda “os intereses das multinacionais, das compañías trasnacionais van a estar moito máis protexidos e van ter privilexios sobre a pequena e mediana industria local”. Tamén afectará aos dereitos das e dos traballadores posto que os tratados van a facer que teñamos a mesma lexislación a ambos lados do Atlántico, “ca perspectiva de rebaixar os dereitos laborais que existen agora mesmo na Unión Europea para equiparalos aos dereitos laborais que son menores tanto en Canadá como en EEUU”.
 
O capitalismo salvaxe detrás destes tratados busca ter total liberdade para operar no mundo, pagando salarios de miseria, para o que a deslocalización das empresas irá a máis, producindo onde menores custes teñan ou impondo condicións moi alonxadas dos standares europeos actuais para continuaren a facelo nos estados membros.
 
Os principais partidos políticos da esquerda, a práctica totalidade dos sindicatos e numerosas organizacións da sociedade civil galega apoiaron esta manifestación, na que ademais estiveron deputadas e deputados europeos de AGE, En Marea e BNG así como concelleiros da Marea de Vigo. Ademais de Lidia Senra estiveron Luis Villares, Ana Miranda, Alexandra Fernández e Xosé Lois Jácome entre outros representantes políticos.
 
Tras acadar o MARCO, Angela Serantes leu o comunicado no que se manifestou a indignación por eses acordos que pretende asinar a Unión Europea que non responden nen a vontade democrática dos pobos de Europa nen as necesidades da cidadanía. O himno galego puxo fin a unha tarde reivindicativa na que Vigo foi unha das máis de 40 cidades que este 15 de outubro levantaron a súa voz para decir ¡NON AOS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO!
 
 
Texto íntegro do comunicado lido ao remate da manifestación:
 
Nin TTIP Nin CETA Nin TISA!!  
NON AOS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO!!  
  
  
  
Nós, as organizacións da sociedade civil, sindicais, campesiñas e políticas, mulleres e homes de todo o mundo convocamos un outono en resistencia para esixir a suspensión dos mal chamados acordos de libre comercio e investimentos, como o acordo entre a Unión Europea e Canadá, chamado CETA , o xa coñecido TTIP , que se negocia con EEUU ou o TISA que busca liquidar por completo os servizos públicos e as conquistas sociais. Estamos convencidas de que para promover unha sociedade xusta, igualitaria e respectuosa dos dereitos das persoas e o medio ambiente é imprescindible reformular o sistema de comercio global que, a día de hoxe, unicamente favorece a concentración do poder e da riqueza en mans dunhas poucas multinacionais.  
  
Este 15 de outubro Galiza móvese, e sumámonos a esa enorme vaga que percorrerá cada recuncho do planeta ao longo dos 5 continentes durante este outono en resistencia global onde buscamos a mobilización popular fronte aos tratados de libre comercio e polo fin da ditadura do capital.  
  
En Europa e en Canadá, este ano facemos especial fincapé no CETA, o cabalo de Troia do TTIP, que se negociou en segredo durante máis de cinco anos e pretende ser ratificado a finais deste 2016. Tanto a Comisión Europea como algúns Estados membros están a empurrar forte para que o tratado se asine canto antes. O goberno en funcións de Mariano Rajoy ofreceu o seu apoio incondicional á sinatura do CETA, a pesar de non contar con ningún estudo de impacto que asegure un beneficio para a nosa economía, sociedade ou medio ambiente.  
  
A Comisión Europea pretende concluír este ano a sinatura do CETA grazas ao apoio doutros Estados membros, entre eles o Estado español, o que abriría a porta, na práctica, á aprobación doutros tratados de libre comercio e investimentos.  
  
Con todo, canto máis se coñece o CETA, o TTIP ou o TISA maior é a oposición pública!! A eliminación de “barreiras ao comercio”, implicará unificar á baixa a normativa en materia laboral (salarios, negociación colectiva, liberdade sindical, etc) de calidade medioambiental, fiscal e de investimento. Estes tratados tamén potencian as empresas “multiservizo”, que desregulamentan as relacións laborais, desprotexendo e precarizando aínda máis á clase traballadora. Moitos e moi diversos sectores económicos e sociais, como o agrícola, as pequenas empresas ou as asociacións de xuíces, denunciaron a ilegalidade de incluír tribunais privados para os investidores, como o ICS.   
  
 Xa son varios os Estados que por distintos motivos expresaron a súa opinión contra este tratado. E máis de 2000 concellos en Europa declaráronse contrarios tanto ao TISA, como ao TTIP, como ao CETA!!! Nigrán, Narón, Gondomar, Santiago, Pontevedra, Cangas, O Barco, Ponteareas, Lugo, Ribadavia, Baños de Molgás, Entrimo, Barbadás, Allariz, Manzaneda, Rianxo, Redondela, O Grove, Vilar de Santos, Pobra de Trives, Viana do  
Bolo e Poio, son os concellos galegos que se teñen sumado a esa onda berrando Nin TTIP Nin CETA Nin TISA!! NON AOS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO!!   
  
E temos que seguir loitando e medrando día a día!! Temos que seguir facendo que os nosos concellos sigan declarándose contra o TTIP. Temos que seguir informando e movéndonos para amosar o noso radical rexeitamento aos tratados de libre comercio. Dada a extrema gravidade das súas consecuencias, ninguén pode manterse á marxe, xa que nos afectará a todas e todos arrebatándonos a nosa soberanía como pobo.   
  
En países coma o noso coñecemos ben os efectos desastrosos da inclusión forzada en areas de mercado común, que nos relegan a un papel subordinado no plano económico, produtivo e comercial aos intereses das grandes potencias. Por iso, este outono dende aquí, dende Vigo, Galiza súmase ás voces de millóns de persoas que esiximos a suspensión do CETA, do TISA e do TTIP, así como doutros tratados que ameazan o equilibrio ecosistémico e climático do planeta e profundan na fenda da desigualdade global, co afán de perpetuar a ditadura do grande capital en contra das clases populares e dos pobos do mundo. Este outono sumámonos á diversidade de tácticas e accións solidarias que se preparan a redor de todo o planeta rumbo a un novo modelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta, agora e no futuro. Este outono en resistencia mobilizámonos nos cinco continentes berrando ben alto:  
Nin TTIP Nin CETA Nin TISA!! NON AOS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO!!  

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
CAPTCHA
Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.