La Tienda Republicana

Antón Sánchez critica o completo fracaso da Xunta de Galicia en materia de xestión de residuos

11/10/2016

O deputado electo de En Marea anuncia que demandará no Parlamento unha nova política que evite os danos ao medio ambiente e as molestias á cidadanía.

Xuntanza de Antón Sánchez coa veciñanza de Lousame / En Marea

Sánchez fixo este anuncio en Lousame (A Coruña) logo dunha xuntanza coa Plataforma contra o vertedoiro de residuos industriais, proxecto que prevende desenvolverse sobre unha superficie de 20 hectáreas de solo rústico de protección forestal e que ten previsto que ata o 81% do refugallo sexa enterrado sen ningún tipo de tratamento previo, o que podería afectar a varios acuíferos para uso humano e gandeiro.

Antón Sánchez considera que este tipo de actuacións, xunto coa situación de saturación do macrovertedoiro de Areosa é fruto do incumprimento sistemático da normativa europea, que esixe a xerarquización no tratamento dos residuos ao contrario do que fai o Partido Popular, "que non leva a cabo políticas de redución, reutilización e reciclaxe verdadeiramente eficaces que fagan que a incineración e o vertido directo se reduza dun xeito significativo", senón que está baseado en métodos de enterramento a baixo custe que deixan "enormes marxes ás empresas á costa de danos ao medio ambiente e de molestias á cidadanía".

Por iso, alén de mostrar a súa solidariedade coas demandas da veciñanza e presentar alegacións dende En Marea, o deputado manifestou que o seu grupo presentará iniciativas para a implementación de políticas de residuos que cumpran coa filosofía da norma europea, que sexan sostibles ambientalmente e que sexan fonte de xeración de emprego, pois "a prioridade nos próximos anos debe de ser a redución en orixe".