La Tienda Republicana

En Marea impulsará o sector do mar en clave de cooperación e corresponsabilidade

02/09/2016

En Marea mantivo diversas xuntanzas na xornada de hoxe con representantes do sector do mar. Pola mañá o candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea, Luís Villares, visitou Ribeira a primeira hora e posteriormente trasladouse á Pobra do Caramiñal para manter un encontro aberto coas bases das Mareas da zona. Xa pola tarde, Luís Villares, acompañado polo cabeza de lista pola Coruña, Antón Sánchez, e os candidatos da lista, Luca Chao, Gonzalo Rodríguez, e Rogelio Santos, mantiveron un encontro cos patróns maiores da comarca do Barbanza, visitaron os bancos marisqueiros da Praia do Testal en Noia acompañados pola Plataforma en Defensa do mar (Plademar), e mantiveron unha xuntanza cos armadores do cerco de Galicia (Acerga).

Visita de candidatos de En Marea á Comarca do Barbanza / En Marea

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia puxo en valor a unidade dos mariñeiros do cerco, así como dos do mexillón e o marisqueo, grazas a que lograron parar a lei de acuicultura de Núñez Feijoo e Rosa Quintana coa que pretendía acabar coas nosas rías. Ao contrario do que se fixo, En Marea establecerá un marco de diálogo cos mariñeiros, armadores, patróns, e demais axentes implicados para abordar o futuro do sector. “Feijóo tentou impoñer unha lei de acuicultura absolutamente nefasta que afortunadamente hoxe está morta é enterrada grazas á mobilización de toda a xente do sector” denunciou Luís Villares.
 
O candidato á presidencia de En Marea salientou tamén os problemas do sector do cerco, cunha sentenza neste momento da Audiencia Nacional impugnada polo propio Ministerio na que se cuestionaban entre outras cuestións o reparto de cotas en base a criterios históricos. “Nós consideramos que non eran adecuados nin suficientes na medida en que houbo xente que optou por unha serie de paros para precisamente facer máis sustentable o sector é serían penalizados” explicou. Neste sentido, En Marea aposta por un sistema de cotas que no estea totalmente mercantilizado en relación a capacidade produtiva, que teña en conta todo o sector, a creación de emprego e a todas as empresas que dependen da viabilidade do reparto de cotas do cerco. De feito, o grupo de En Marea no Congreso ten xa presentado diversas iniciativas parlamentarias contra o sistema de cotas que é o que está a diminuír a capacidade comercial do sector e obrigando a que se perdan postos de traballo.

Dentro do programa de En Marea destaca o investimento que se dedicará ao saneamento integral das rías galegas, tendo en conta as necesidades de cada unha delas xa que nalgúns lugares o problema reside nos fondos mariños, mentres que noutras é a identificación dos puntos de vertido ou dos tipos de vertido o que está a estragar a ría. No caso concreto de Noia a intervención sobre a ría é unha cuestión que afecta a tres variables como son o saneamento integral das augas, contando cos Concellos da comarca para o control dos lixiviados. En segundo lugar integrar nesta loita aos servizos estatais de Costas, e por último, elaborar unha política de montes adecuada que evite a sedimentación, a terceira pata do problema. O saneamento debe ser amplo e chegar a todas as concas hidrográficas, implementándose medidas exhaustivas de vixilancia sobre os vertidos.

O sector do mar será unha prioridade para o futuro goberno de En Marea que impulsará o sector e traballará por poñer fin aos problemas provocados polo goberno de Núñez Feijóo. Entre as propostas de En Marea destaca tamén a elaboración dunha nova Lei de Costas para protexer o litoral, sen que isto supoña ir en detrimento do seu goce e explotación pero é preciso protexelo. Protexer o mar desde a costa, pero tamén o propio mar e as rías. Nas rías de Barbanza rexistráronse cos datos do mes de setembro, 169 puntos de vertido. Unha situación que ten que rematar e para a que En Marea conta cun programa de investimento que se dedicará ao saneamento das rías. Así mesmo, En Marea aposta pola construción de novas depuradoras e ampliación das existentes, eliminación dos emisarios que vertían directamente á ría e vertidos incontrolados.
 
O furtivismo é outro dos temas que abordaron nos encontros mantidos con representantes do sector. Neste sentido, os candidatos e candidatas de En Marea sinalaron a necesidade de poñer solución buscando medidas eficaces e dotando de medios suficientes e capaces de loitar contra a lacra do furtivismo.
 
Outra das propostas de En Marea pasa por establecer dragados ordenados para recuperar determinados bancos agora colmatados polas cinzas e mala xestión dos montes. En relación a esta problemática En Marea impulsará unha nova política de montes que teña como obxectivo a sostibilidade e chegue aos pequenos propietarios. Cunha planificación axeitada e facendo os deberes no inverno para evitar ter que apagar lumes en verán. Así, unha das formas de previr os incendios é facilitando desde a Xunta de Galicia a coordinación entre concellos para que leven a cabo as limpezas subsidiarias de fincas, montes de propiedade dos concellos ou das comunidades de montes.
 
En Marea aposta así mesmo por modelos de turismo respectuosos co medio ambiente, ofertando un turismo de contidos que inclúa turismo cultural, sendeirismo, deportes de auga, etc., apostando por un tipo de turismo que vaia máis alá do estacional.
 
Reivindicacións fundamentais do sector como o saneamento das rías galegas, os controis exhaustivos sobre a utilización da masca galega asegurando que sexan efectivamente galegos, mudar o sistema de cotas que neste momento divide en dous á flota galega, a defensa dos métodos artesanais de pesca son algunhas das propostas que integra En Marea no seu programa e que foron presentados na xornada de hoxe ao sector do mar destacando o principio fundamental de En Marea, a escoita activa.

En Marea rematou a xornada en Noia cun encontro aberto aberto con persoas do sector do mar no que o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, xunto co cabeza de lista pola Coruña, Antón Sánchez, e os candidatos da lista, Luca Chao, Gonzalo Rodríguez, e Rogelio Santos, e a cabeza de lista por Pontevedra, Carmen Santos, presentaron as propostas de En Marea para impulsar, defender e colocar ao sector do mar no lugar que lle corresponde como sector estratéxico para o noso país.
 

Temas: 

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
CAPTCHA
Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.