CxG •  Redacción •  Galicia •  29/08/2016

Compromiso por Galicia presenta a súa candidatura á Presidencia da Xunta

Compromiso por Galicia presentou as súas candidaturas á presidencia da Xunta e ao Parlamento Galego no parque de Bonaval, en Santiago, onde se reuniron todos as candidatos para presentar “a nova forza galeguista, nacida para dar solucións reais e totalmente viables a esta terra”, en palabras de Xoán Bascuas, Secretario Xeral e candidato á Xunta de Galicia. “Estreamos a nova etapa nestas autonómicas, e iremos dando a coñecer á cidadanía o noso proxecto político de futuro, que está pensado só para Galicia”, dixo.

Compromiso por Galicia presenta a súa candidatura á Presidencia da Xunta

Para Xoán Bascuas “a actual situación de desemprego de Galicia é totalmente evitable”. Pero faise necesario máis autogoberno:“As decisións de Galicia, en Galicia. Sempre.O centro de decisións está moi lonxe, en Madrid, e así nunca se pode atender ás necesidades dos cidadáns, que non queren ser subsidiarios, queren traballar, que lles deixen traballar, que lles quiten os atrancos, e para iso estamos aquí nós, para facer política de cerca”.

Na súa intervención, Bascuas reclamou que os recursos de Galicia se xestionen en Galicia, e non en Madrid: “As grandes productoras de enerxía están pagando impostos en Madrid e Madrid está sacando rédito dos recursos naturais de Galicia, que de dereito lle corresponden aos galegos”. Incidíu na necesidade que temos os galegos de reclamar os nosos recursos. “A enerxía producida por Galicia, que sería de baixo custo para o consumidor en Galicia, podería abastecer as futuras electrolineiras que CxG quere repartir por toda a economía galega para fomentar o paso ao coche híbrido ou eléctrico, que non só non contamina, senón que sería de baixo custo para os galegos”.

Por último, Bascuas salientou a necesidade de todos galeguistas, de unirse no novo proxecto de Compromiso por Galicia para construír un gran país: “Precisamos todos as mans, os corazóns e as mentes de todos os galeguistas para que o noso proxecto cambie Galicia para sempre”.


Compromiso por Galicia /