La Tienda Republicana

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que os tratados de libre comercio coma o CETA son prexudiciais para os intereses galegos

08/07/2016

O Viceportavoz Antón Sánchez e a eurodeputada de AGE en Europa Lidia Senra alertan de que o tratado da Unión Europea con Canadá que vén de aprobarse rebaixará os requisitos ambientais, sociais e laborais a prol das multinacionais, e reclaman un pronunciamento do Parlamento de Galicia.

Antón Sánchez e Lidia Senra na roda de prensa celebrada no Parlamento galego (Foto: AGE) / Alternativa Galega de Esquerda

Para Sánchez, que compareceu en rolda de prensa na sede parlamentaria de AGE xunto con Lidia Senra, o CETA é a última mostra "da opacidade, ausencia de debate e de información á cidadanía" coa que se conducen as institucións comunitarias, cun "baleirado antidemocrático da soberanía dos pobos e dos Estados", sendo un dos principales eixos da política neoliberal que se está a desenvolver dende a UE.

O tratado rebaixa os requisitos ambientais, laborais e sociais para favorecer o negocio das multinacionais. Ao noso ver, este tipo de cuestións que nos afectan a todos deberán estar máis no debate político e público”, sinalou o viceportavoz de AGE, quen apuntou á “voracidade do capital” como forza impulsora deste tipo de tratados de corte totalmente antidemocrático.

Tal como expuxeron os representantes de Alternativa Galega os acordos coma o CETA retallan a soberanía dos parlamentos democráticos e atacan as políticas industrias, económicas e de ordenación do territorio permitindo incluso que as corporacións demanden aos Estados e a creación de tribunais de arbitraxe que se atopan por riba da xustiza ordinaria ou a incorporación de cláusulas que impida a reversión das privatizacións.

“Estas intromisións intolerábeis na soberanía dos parlamentos baten cun dereito fundamental para nós”, afirmou Antón Sánchez, “que é o dereito a decidir de Galiza sobre cuestións que van a afectar ao futuro de Galiza” pois o CETA, tal como explicou a eurodeputada Lidia Senra, terá efectos inmediatos sobre o agro galego, en temas como a carte de vacún, as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas.

Por estas razóns, e ante a total opacidade das negociacións que dende o 2009 conduxeron á aprobación do CETA, Alternativa Galega de Esquerda propoñerá antes do parón parlamentario estival unha iniciativa para que a Cámara galega se pronuncie sobre os tratados de libre comercio, tanto no caso do CETA como do TTIP, o tratado de libre asociación con Estados Unidos, igualmente cuestionado a nivel internacional por polémico e antidemocrático.