Pontón reta a Rueda a aceptar a comisión de investigación para analizar a xestión da crise incendiaria e protexer Galiza do lume
- Critica o abandono e a eucaliptización que promove o PP, ao que acusa de gobernar a favor das macrocelulosas contaminantes e contra Galiza.
- O programa Monte Vivo que desenvolve o Concello de Pontevedra a favor da terra e da xente demostra que “outra política forestal é posible”, subliña.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aceptar a creación no Parlamento dunha comisión de investigación na que analizar que fallou na “nesfasta» xestión da catástrofe deste verán, aprender dos erros que se cometeron e cambiar a política forestal para protexer Galiza do lume.
“Os galegos e as galegas merecen saber por que, mentres ardía Galiza, Rueda estaba na praza de touros de Pontevedra, por que non había personal suficiente nin os recursos necesarios, por que mentres as lapas chegaban ás casas había motobombas paralizadas e, sobre todo, por que non se tomaron as medidas necesarias para evitar unha situación destas caracteríasticas”, asegurou Pontón, que insistiu en facer da crise incendiaria deste agosto “un punto de inflexión” para avanzar cara a outra política forestal a favor da terra e da xente.
Acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Pontón visitou o monte Tomba —onde o concello desenvolve o programa ‘Monte Vivo’— para constatar precisamente que outra política forestal é posible e necesaria para loitar de maneira máis eficaz contra os lumes. Fronte a un PP “que leva 35 anos convertindo os montes nun polvorín ao servizo de empresas como Ence e agora Altri”, apostou por un modelo como o de Pontevedra, que financiou a plantación de 400.000 árbores non pirófitas a través das comunidades de montes pese a non ter competencias nesta materia.
A portavoz nacional referiuse aos lumes como “o maior problema ambiental de Galiza” e avogou por darlle “un xiro de 180 graos” á “política forestal pirófita” que practica o PP, baseada no abandono de rural e na plantación masiva de eucaliptos. Unha política, engadiu, que ten entre as súas consecuencias a catástrofe deste verán, con 140.000 hectáreas queimadas só no mes de agosto e centos de persoas desaloxadas nos maiores incendios dos últimos 25 anos.
É por iso que emprazou o Goberno de Rueda a asumir responsabilidades e aceptar unha comisión de investigación que valla para deixar atrás a súas políticas e na que tamén debería dar explicacións polo “deterioro” do dispositivo antiincendios, “porque hoxe temos menos medios que hai dezaséis anos a pesar de que sabemos que as condicións climatolóxicas son moito máis adversas”. “O cambio climático non empezou no 2025”, advertiu, para reclamar ao presidente da Xunta que escoite as advertencias que os expertos levan anos facendo.
“Os lumes son consecuencia directa da neglixencia do Partido Popular”, sostivo para afondar na necesidade de tomar medidas como as postas en marcha en Pontevedra, como plans de xestións dos montes veciñais en man común, a execución de tres parques forestais financiados polo concellos —un total de 525 hectáreas entre os parques da Fracha, Verducido e Tomba— ou a creación de kilómetros de sendas verdes polas veitas de ríos ao longo de toda a cidade.
Rueda ten que rectificar e condenar o xenocidio en Gaza
Tras a vista ao Monte Tomba, Pontón participou en Pontevedra no minuto de silencio contra o xenocidio en Gaza convocado pola Fegamp, que aproveitou para esixir a Rueda que rectifique e condene o xenocidio do pobo palestino a mans do Estado criminal de Ïsrael. Porque é “unha vergoña”, argumentou, que o presidente da Xunta boicotee a declaración institucional no Parlamento ou as propostas que buscan o posicionamento de Galiza como País contra o xenocidio en Gaza.
Por iso, o BNG levará ao Pleno da semana que vén unha proposición non de lei para condenar “con rotundidade” o xenocidio. “Que máis ten que pasar para que actuemos con contundencia?”, preguntouse, para mais unha vez considerar unha “indignidade e unha inmoralidade” a posición da comunidade internacional permitindo o masacre do pobo palestino a mans do estado criminal de Israel.
A portavoz nacional emprazou a todos os gobernos a “tomar nota da indignación cidadá” e a “actuar con contundencia fronte ao xenocidio”. “No BNG cremos que hai que romper todo tipo de relacións diplomáticas e económicas con Israel, que hai que illar a quen está cometendo ese xenocidio e que hai que tomar todos os medios necesarios para que se lle embarguen armas e para que a comunidade internacional actúe para frear este xenocidio”. “Todas as voces debémonos posicionar de maneira clara”, concluíu.