Dúas novas localidades súmanse ás protestas para denunciar que a política forestal do PP “queima os montes e as casas”
- A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ fai público o manifesto que se lerá ao remate das 28 concentracións que terán lugar este xoves 21.

As localidades da Cañiza e de Ponteareas tamén acollerán mobilizacións este xoves 21 para rexeitar a política forestal do PP “que queima os nosos montes e as nosas casas”, de xeito que a iniciativa promovida pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ ante a actual vaga de lumes incluirá un total de 28 concentracións por todo o país a partir das 20:00 horas.
A plataforma -integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións e que naceu en 2018 para promover varias ILP de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta- fixo público hoxe o comunicado ao que se lle dará lectura ao remate de cada unha das mobilizacións.
As concentracións servirán para trasladarlle a solidariedade do pobo galego tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, “que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios”.
E para denunciar que a “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que provocan os lumes é consecuencia directa do abandono do rural e da aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Con esta iniciativa tamén se quere evidenciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural.
Fronte a isto, preténdese trasladarlle á sociedade que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. “Para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que retome a liña de axudas para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR)”.