A CIG chama a participar na marcha e pé contra as celulosas o 1 de xuño en Pontevedra e Marín
A mobilización arrincará de xeito simultáneo dende as alamedas das dúas localidades ás 12:00 horas baixo o lema ‘Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa’

Por segundo ano consecutivo, a xa tradicional marcha a pé organizada en Pontevedra e Marín pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para esixir a retirada de Ence contará co apoio da Plataforma por unha Ulloa Viva e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, que unen forzas baixo o lema ‘Celulosas fóra. Nin ENCE na ría, nin Altri na Ulloa’.
A manifestaciónn arrincará ás 12:00 horas de xeito simultáneo dende as alamedas de Pontevedra e de Marín e confluíra diante da factoría de Ence para rexeitar tanto a presenza da pasteira en Lourizán como a instalación dunha nova macrocelulosa en Palas de Rei. Para facilitar a participación haberá autobuses dende A Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo, Ourense, Lugo e Vilagarcía.

Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa representantes dos colectivos convocantes, comparecencia na que estivo presente o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG-Pontevedra, Marcos Conde, xunto a responsábeis doutras organizacións que como a central sindical apoian a convocatoria. Dende a CIG fan un chamamento a participar na marcha “para dicir ‘non’ á política de depredación do país que está a levar a cabo o PP e ao modelo colonial de espoliación dos nosos recursos que representan estes dous proxectos e outros como o da mina de Touro”.
Neste senso, lamenta que a Xunta considere “estratéxicos” unha mina e unha macrocelulosa contaminante mentres “despreza os sectores agrogandeiro, pesqueiro, marisqueiro e bateeiro e fai oídos xordos ao clamor social contra estas bombas ambientais que ameazan o presente e o futuro de Galiza”.