Ana Pontón propón rescatar primaria dos recortes do PP elevando o investimento até o 25% do orzamento do SERGAS
Recrimínalle a Rueda o uso sistemático da mentira como forma de goberno: “Son o bulogoberno do PP con vostede como bulopresidente”.
“Hai que ter valor para vir dar leccións de loita contra a corrupción sendo do PP!”, ironiza, “BNG, cero condenados por corrupción, PP, incontables”.

19/nov./25.
A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo rescatar a atención primaria dos recortes do PP elevando o investimento até o 25% do orzamento do SERGAS, nunha sesión de control na que tamén avogou por convocar todas as prazas vacantes e por ampliar a carteira de servizos nos centros de saúde.
Pontón reprochou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que na vez de buscar solucións a unha atención primaria “absolutamente deteriorada”, se dedique a botar balóns fóra e buscar culpables criminalizando “con bulos” as mobilizacións dun persoal sanitario que ten convocada unha folga xeral “farto das ocorrencias, da precariedade e do maltrato que lle dá o seu goberno”.
Unha folga, recordou, convocada por todos os sindicatos e apoiada por colexios profesionais e sociedades científicas. “Vostede conseguiu algo moi difícil, poñer a todos de acordo en contra da súa política sanitaria”, afeou ao presidente do Executivo.
“Por certo, como lle vai chamar aos convocantes desta folga: alborotadores, kaleborrokas, axitadores, todos manipulados polo BNG?”, cuestionou a un Rueda ao que recriminou que a resposta do “Partido Popular máis ultra da historia” sexa “crimininalizar as mobilizacións, insultar e difundir bulos por terra, por mar e por aire”. “Están vostedes inventando unha nova forma de goberno, o bulogoberno do Partido Popular, con vostede como bulopresidente”, sintetizou.
A líder nacionalista advertiu ao presidente da Xunta, “coma sempre con cero propostas en materia de sanidade”, que con bulos ou criminalizando as mobilizacións non se solucionan os problemas da atención primaria, nin “a precariedade laboral do persoal sanitario”, nin as “urxencias colapsadas”.
Logo de citar o anuncio dun seguro privado cuxo lema para a súa contratación é “Sen listas de espera, porque a túa saúde non pode agardar”, Pontón afeou a Rueda as listas de espera na sanidade pública, con máis de 360.000 galegos e galegas agardando, con esperas que chegan a un mes en moitos centros e con 11.000 nenos e nenas sen pediatra.
Por iso, considerou urxente desenvolver un novo modelo de atención primaria que poña freo aos recortes do Goberno do PP, para o que defendeu as alternativas dun BNG que avoga, en primeiro lugar, por aumentar o financiamento da primaria até situalo no 25% do total do SERGAS, xa que Galiza é a día de hoxe a segunda comunidade que menos inviste na que “debería ser a columna vertebral” do sistema sanitario.
En segundo lugar, o Bloque propón convocar todas as prazas que están vacantes en primaria. “Déixense de imposicións pola porta de atrás e negocien co persoal para mellorar as súas condicións”, reclamou ao titular do Executivo, ao que pediu que se sente a negociar “sen trampa nin cartón” co persoal sanitario e atenda as súas reivindicacións.
“Verá como aparecen médicos e médicas para solucionar os problemas que temos, porque o problema non é que non haxa profesionais, é que foxen da súa precariedade e do maltrato do seu goberno, ese é o problema, señor Rueda”, reprochou.
E, por último, avogou por ampliar a carteira de servizos nos centros de saúde, coa incorporación de novas especialidades como podoloxía, logopedia e, sobre todo, psicoloxía clínica, tendo en conta que o 30% das consultas realizadas teñen que ver con problemas de saúde mental.
A portavoz nacional recriminou ao presidente da Xunta que, unha vez máis, eludise centrar a súa quenda de resposta nos problemas da atención primaria e preferise dedicarse a atacar ao BNG. “Ven aquí a dicir que eu insultei aos profesionais, que eu dixen que a sanidade deste País era terceiromundista, pero como non lle imos chamar bulopresidente se non é capz de dicir unha verdade nin por equivocación!”, reprobou.
Ante as referencias á súa recente viaxe a Uruguai e Arxentina, Pontón agradeceu a Rueda que seguise a súa axenda e aclaroulle que, efectivamente, fala positivamente das empresas galegas xa que “fan grandes cousas, a pesar da súa nefasta xestión”. En todo caso, a líder nacionalista ironizou sobre os ataques do titular do Executivo porque, remarcou, “hai que ter valor para vir aquí a darnos leccións de loita contra a corrupción sendo do Partido Popular”.
“Vostede representa a un partido que é o único partido de Europa condenado por corrupción; non sabemos se as súas comisións eran do 2 ou do 3%, pero sabemos que hai unha sentenza que os condena por corrupción”, criticou a Rueda, ao que retou a continuación a debater sobre esta cuestión cando el queira, dado que os datos neste sentido son moi clarificadores. “BNG, cero condenados por corrupción; Partido Popular, xa perdemos a conta dos seus condenados, teñen vostedes un máster de corrupción”, resumiu.
Pontón rematou a súa intervención emprazando ao presidente da Xunta a elixir entre considerar as propostas do BNG para mellorar a atención primaria e a sanidade pública ou seguir enlamando o debate político.
“Este é o modelo do BNG para defender a saúde dos galegos e das galegas, vostede pode escoller entre aceptar as nosas propostas ou seguir como bulopresidente, difamando e convertendo a política galega nunha lameira”, concluíu.
