BNG tilda de “maquillaxe política” e de “apaño” unha moratoria que abre a porta ao monocultivo de eucalipto
- Montse Valcárcel critica o Goberno do PP por incentivar o cultivo de eucalipto no canto de apoiar os propietarios de piñeirais con pragas

A deputada e responsable de Montes e Industrias Forestais do BNG, Montse Valcárcel, asegura que a prórroga da moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta de Galiza ata 2030 “non é unha solución real, senón un simple exercicio de maquillaxe política”.
Para a deputada, o anuncio feito este xoves polo Goberno de Rueda é “un apaño cheo de excepcións” que, na práctica, “abre a porta ao avance do monocultivo de eucalipto no noso País”.
Valcárcel denunciou que esta especie segue medrando “sen control”, mentres a Xunta non fai públicos os datos reais de superficie e as sancións impostas representan unha mínima parte das infraccións detectadas.
Para a deputada nacionalista, o problema de fondo é que o Goberno galego, en lugar de apoiar os propietarios de piñeirais para combater as pragas e recuperar as masas autóctonas, está impulsando e incentivando a substitución do piñeiro polo eucalipto. “Así, paseniño, Galiza vai quedando sen piñeiro, sen biodiversidade e sen alternativas para o rural”, lamentou.
“É o propio goberno galego quen, con esta pseudo-moratoria, promove a colonización do noso territorio polo monocultivo”, afirmou Valcárcel.
A nacionalista lembrou ademais que este ano arderon en Galiza máis hectáreas ca nunca desde que hai rexistros, e alertou das consecuencias de ter grandes extensións de eucaliptos. “Sabemos o que pasa cando o lume se achega aos grandes eucaliptais: o risco e o dano multiplícanse para o medio e para as persoas”, subliñou.
Por todo isto, o BNG esixe á Xunta partidas reais, cuantificadas e suficientes para restaurar o bosque autóctono, apoiar a diversificación forestal e frear de verdade o monocultivo.
“O que está en xogo non é só a masa forestal: é o futuro das aldeas, da economía do rural e da identidade de Galiza. Defender o monte galego é defender Galiza” concluíu Valcárcel.