Redacción •  Galicia •  19/08/2025

‘Por un Monte Galego con Futuro’ convoca protestas contra a política forestal do PP “que queima os montes e as casas”

A CIG fai un chamamento a participar nas 26 concentracións que terán lugar en cidades e vilas de todo o país este xoves 21 a partir das 20:00h.

‘Por un Monte Galego con Futuro’ convoca protestas contra a política forestal do PP “que queima os montes e as casas”

A plataforma ‘Por un monte Galego con Futuro’ convoca mobilizacións para denunciar que a actual vaga de incendios que está a padecer Galiza é consecuencia directa da política forestal do PP, unha política forestal que, tal e como recolle o lema escollido para as protestas, “queima os nosos montes e as nosas casas”. A CIG, que fai parte da plataforma e que tomou a iniciativa de impulsar a convocatoria, fai un chamamento a participar nas 26 concentracións que terán lugar este xoves 21 de agosto por todo o país a partir das 20:00 horas.

Con estas protestas en resposta á “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que provocan os lumes preténdese evidenciar que entre as múltiples causas que están na súa orixe, como a mudanza climática, o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Con esta iniciativa tamén se quere denunciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural.

A plataforma -integrada por máis de medio cento de colectivos, asociacións e organización- aproveitará ademais as mobilizacións para trasladarlle a solidariedade do pobo galego tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, “que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios”. Polo que insiste na necesidade de contar cun Servizo Público de Bombeiros/as Forestais “coa dimensión necesaria para atender a realidade existente”.

Finalmente, incide en que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. “Para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que retome a liña de axudas para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR)”.

LUGARES E HORAS DAS COCENTRACIÓNS

-A Coruña, 20h, Obelisco.

-Allariz, 20h, Campo da Barreira.

-Betanzos, 20h, Praza da Constitución.

-Cangas, 20:30h, diante do Concello.

-Carballo, 20h, Praza do Concello.

-Celanova, 20h, Praza Maior.

-Compostela, 20h Praza Roxa.

-Ferrol, 20h, Edificio da Xunta.

-Lalín, 20:30h, Praza da Igrexa.

-Lugo, 20h, Edificio da Xunta.

-Melide, 20h, Praza do Convento.

-Monforte, 20:30h, Praza de España.

-Monterroso, 20h, diante do Concello.

-Noia, 20h, diante do Concello.

-O Porriño, 20h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros).

-Ourense, 20h, Praza Maior.

-Padrón, 20h, diante do Concello.

-Ponte Caldelas, 20h, Alameda.

-Pontevedra, 20h, Praza da Peregrina.

-Ribadeo, 20h, diante do Concello.

-Ribeira, 20h, Praza do Concello.

-Verín, 20h, Praza do Concello.

-Vigo, 20h, Farol de Urzaiz.

-Vilagarcía, 20h, diante do Concello.

-Vilalba, 20:30h, Praza da Constitución.

-Viveiro, 20h, diante do Concello.


incendios forestales /