Redacción •  Galicia •  19/06/2025

Sindicatos concéntranse ante a sede central de Correos en Madrid, contra o Acordo Marco

Rexistraron un escrito dirixido ao Presidente do ente denunciando o retroceso de dereitos que supón.

Sindicatos concéntranse ante a sede central de Correos en Madrid, contra o Acordo Marco

Ante a gravidade das medidas que se pretenden implantar coa sinatura do Acordo Marco, os sindicatos CIG, LAB, SIPcte, ESK, Intersindical Canaria, ELA e Intersindical Valenciana, concentráronse esta mañá diante da sede de Correos e presentaron un escrito no rexistro dirixido ao Presidente do ente, Pedro Saura, para trasladarlle a súa firme oposición ao «Acordo Marco» asinado o pasado 31 de decembro de 2024 entre a Dirección de Correos e as organizacións sindicais CCOO, UGT, CSIF e SL.

Os sindicatos convocantes denuncian o modelo erróneo de transformación de Correos. Neste sentido afirman que as liñas estratéxicas reflectidas neste acordo repiten erros do pasado. Consideran ademais que é inviable competir cos grandes operadores do sector sen avanzar cara a un modelo de «Amazonización» da empresa pública, baseado en precarizar dereitos laborais e retributivos.

Rexeitan tamén a mercantilización das oficinas de Atención ao Cliente que pretenden transformar en Centros de Negocio, o que entenden que choca frontalmente co carácter público do servizo.

Advirten ademais do insuficiente financiamento do Servizo Postal Universal (SPU), que é esencial e deficitario, e que require dunha financiación estatal adecuada. Denuncian por iso o seu abandono que, afirman, “contribuíu ao deterioro económico e a unha situación insostible para a empresa e o seu cadro de persoal”.

Falta de diálogo real co cadro de persoal

Xunto a isto aseguran que o peche de centros loxísticos e a implantación forzada da venda de seguros en colaboración con AXA tomáronse sen transparencia nin diálogo real e serio, xerando malestar e incerteza. E advirten do incumprimento do III Convenio Colectivo porque persisten numerosas deficiencias estruturais como:

  • Ausencia do calendario laboral anual en prazo.
  • Atrasos en concursos de traslados e reaxustes.
  • Obstáculos para a conciliación laboral e familiar.
  • Mala planificación de vacacións.
  • Falta de medios e persoal. Vehículos en mal estado.
  • Mala xestión de asignacións por limitacións físicas temporais.

Isto xunto a progresiva precarización, porque a mobilidade funcional e xeográfica ten unhas ridículas compensacións. A este respecto alertan de que a flexibilidade horaria imposta e o aumento das cargas de traballo son medidas que contén este Acordo Marco que agravarán o estrés, aumentarán os riscos psicosociais e afectarán gravemente á saúde mental e física da plantilla.

Por iso entenden que este acordo non aporta avances reais nin sostibles. Pola contra denuncian que supón recortes en dereitos laborais e maior inestabilidade, que a súa negociación “non foi transparente, levouse a cabo mediante reunións bilaterais con determinadas organizacións, á marxe do resto”; que non inclúe melloras salariais vinculadas ao IPC nin recupera o perdido anos atrás.

Conclúen advertindo da crítica situación no centros de traballo onde aseguran que se enfrontan a cadros de persoal por debaixo do 50% de cobertura, recortes en contratación, negativa reiterada ao disfrute de permisos e un aumento preocupante do absentismo por Incapacidade Temporal, moitas veces motivada por ansiedade derivada do entorno laboral ou do desgaste físico do persoal.

A carta dirixida ao Presidente de Correos, Pedro Saura, vai nesta mesma liña, advertindo do retroceso en dereitos e a ameaza o carácter público de Correos que supón o Acordo. Un escrito no que os sindicatos exixen diálogo para construír un futuro xusto e sostible, instando a Saura a frear este rumbo e preservar a vocación social da empresa.


correos /