EU reúnese co comité provincial de Adif A Coruña para amosar o apoio á folga do mes de marzo
Eva Solla: “Non é asumible que cando estamos falando da necesidade de fomentar o transporte público e colectivo menos contaminante, o Goberno leve décadas dando as costas ao ferrocarril convencional e favorecendo a súa privatización e desaparición de servizos en moitos puntos de Galicia.”
Compostela, 19 de febreiro de 2021. A Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, as Coordinadoras de EU A Coruña e Compostela, Carmen Armada e Noa Morales e a Secretaria de Organización de EU Ferrol, Paula Faraldo, reuníronse hoxe co Comité de empresa provincial de Adif A Coruña para amosar o apoio da organización á folga do 26 de Marzo convocada en todo o Estado e aos paros previos que darán inicio o 26 de febreiro.
O Comité Xeral da empresa Adif convocou esta folga polos graves recortes de postos de traballo nos últimos anos e o modelo de xestión desta empresa pública, en constante privatización. Desde a posta en funcionamento de Adif no ano 2005, logo da segregación de Renfe, a perda de postos de traballo foi progresiva e máis acelerada aínda se cabe desde a imposición da taxa de reposición que impediu a renovación do persoal que se foi xubilando durante todos estes anos.
Nos últimos quince anos Adif eliminou en torno 3.600 postos de traballo no conxunto do Estado, sendo Galicia moi damnificada pola perda de persoal, nunha situación que está deixando esmorecer o ferrocarril no noso país.
Os traballadores da provincia da Coruña denuncian que os recortes extremos de persoal teñen servido para mermar a calidade dos servizos e para privatizar moitos deles. Así, o colectivo de infraestruturas está sufrindo a privatización de áreas críticas como pode ser o mantemento de vías ou a sinalización. O persoal denuncia o risco para a seguridade que isto pode supor.
Igualmente, colectivos como circulación ou atención a viaxeiros reduciron tanto o cadro de persoal que está supondo peche de quendas nalgunhas estacións e, no caso da atención ao viaxeiro, ausencia de persoal nalgunhas, como pode ser a de Ferrol. Tamén os servizos administrativos e loxísticos se están vendo afectados polos recortes.
Esquerda Unida xa demandou na tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado que se atendese esta situación que fomenta a desvertebración de Galicia e o illamento de moitas vilas.
Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, indicaba que “non é asumible que cando estamos falando da necesidade de fomentar o transporte público e colectivo menos contaminante, o Goberno leve décadas dando as costas ao ferrocarril convencional e favorecendo a súa privatización e desaparición de servizos en moitos puntos de Galicia”.
Esquerda Unida lembra a necesidade de abandonar a política de anuncios de alta velocidade e investir no ferrocarril coma medio de transporte interno de viaxeiros e de mercadorías e trasladará a súa posición favorable a que os fondos europeos de reconstrución se utilicen tamén para reforzar este servizo público e resolver esta situación de falla de persoal e medios.