Redacción •  Galicia •  18/12/2021

O BNG pide a Bay Wa que desista do seu proxecto eólico en Celanova e Verea

  • O BNG da comarca Terra de Celanova-Baixa Limia e o BNG de Celanova critican que a empresa alemá leve dous anos modificando unha e outra vez un proxecto que non ten cabida nunha área de enorme riqueza patrimonial e hidrográfica, con poboacións asentadas e monte en produción.
  • As nacionalistas apostan por non construír o polígono, e advirten que volverán reclamar nas institucións unha moratoria eólica tal e como vén de recomendar o Consello da Cultura Galega.
O BNG pide a Bay Wa que desista do seu proxecto eólico en Celanova e Verea

“Pedimos á empresa Bay Wa que desista do seu proxecto de implantar un polígono de produción eólica con aeroxeradores de máis de 180 metros de altura nunha área, a do Monte da Neve, onde aínda se asenta poboación nas aldeas, o territorio mantén diversos usos agrícolas e forestais e unha abondosa riqueza en auga, alén do valor patrimonial e paisaxístico ao que nin a veciñanza toda de Celanova nin a de Verea quere renunciar”, afirma Ernesta Seoane, responsábel comarcal do BNG Terra de Celanova-Baixa Limia, e lembra que as nacionalistas veñen alertando do perigo de que na porta do Xurés, nunha zona de Rede Natura, se constrúa un macro-parque de 38 máquinas (as 19 en funcionamento no P.E. do Vieiro, as 7 previstas no proxecto Monte da Neve e as 12 do proxecto no Monte Grande).

“A proba da coordinación de Bay Wa e de Greenalia [promotora do polígono no Monte Grande en Bande] para invadir o noso territorio e que, por fin, dous anos despois de que as empresas iniciaran os trámites que intentaron manter fóra do foco da opinión pública, comprobamos agora que compartirán a liña de alta tensión cara a Frieira, unha infraestrutura que afectará tamén a outros concellos das nosas comarcas, singularmente a Quintela de Leirado”, explica Seoane.

As nacionalistas consideran que a retirada dos aeroxeradores cara o suroeste, afastándoos da contorna do Monte da Neve, na que un informe arqueolóxico sitúa vestixios dos “lugares primitivos do Mosteiro de Celanova”, é unha vitoria da mobilización veciñal que, desde o mes de agosto, vén desenvolvendo accións para denunciar os plans de agresión de empresas como Bay Wa, Greenalia e Iberdrola contra as montañas emblemáticas das Terras de Celanova e da Baixa Limia.

“Mais esta só foi unha batalla, a guerra para evitar a invasión dos nosos montes e o espolio continúa”, sinala Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG de Celanova, quen a principios deste 2020 sacou a luz os plans alemáns para o Monte da Neve e despois presentou varias iniciativas plenarias para que o goberno local desenvolvese unha campaña de información á veciñanza (acordo plenario que aínda non se puxo en marcha) e para que Celanova declarase unha moratoria eólica (proposta rexeitada polo goberno local e polo PP, cuxa ex conselleira Beatriz Mato fai parte hoxe do consello de administración de Greenalia).

As nacionalistas de Celanova si levaron adiante unha campaña informativa na rúa, nas redes sociais e con intervencións públicas dos seus deputados Iago Tabarés e Noa Presas, e levaron ao Parlamento de Galiza unha iniciativa, pendente de debate, para que a Xunta de Galiza atenda ese informe arqueolóxico e realice os estudos necesarios para determinar se eses vestixios históricos merecen a protección que se reclama no informe. E tamén se comprometeron, xunto a militancia e simpatizantes de toda a comarca, nas accións convocadas pola plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova, a máis recente, a mobilización Eólica Así NON celebrada o pasado 11 de decembro cunha concentración en Laza.

“É unha cuestión de supervivencia de determinada biodiversidade, natural e humana, cultural e paisaxística, como subliña a declaración da cimeira de Glasgow nos seus compromisos cando di que os Estados do mundo traballarán por «reducir a vulnerabilidade, aumentar a resiliencia e mellorar os medios de vida rurais, mesmo mediante o empoderamento das comunidades». Mais aquí, na tramitación deste proxecto alemán, como noutros, non hai intención que a comunidade se empodere. A información permanece oculta e vulnérase o dereito á participación no proceso de decisión. E todo, coa imprescindíbel colaboración da Xunta de Galiza, que coloca en exposición pública, co prazo límite de un mes para alegar, documentos técnicos de máis de 3.300 páxinas. Como pretenden que, con ese volume e neste prazo nesta época, a cidadanía se defenda?”, cuestiona Leopoldo Rodríguez.

“A planificación dos territorios susceptibles de acoller parques eólicos debe contar coas comunidades locais polo seu coñecemento do territorio, sen furtarlles o dereito a ser parte das decisións que afectan a súa relación co territorio que habitan, segundo ampara o Convenio europeo da paisaxe”, indica o informe do Consello da Cultura Galega feito público esta semana. As nacionalistas das comarcas de Celanova e Terra de Celanova consideran que neste procedemento en Celanova e Verea -e nos que afectan o Xurés- non se contou coa opinión das veciñas e veciños, e que o único que están a facer as empresas e a Administración “é colocar os intereses empresariais e o lucro por riba do respecto ás persoas e a biodiversidade, cando precisamente a necesidade que move a transición ecolóxica vai no sentido contrario”, explica Ernesta Seoane.

A responsábel comarcal, no cargo desde hai un mes, insiste en que “colocar máquinas aeroxeradoras de 180 metros de altura a menos dun quilómetro de aldeas como Albos, A Cigarrosa, Cardeo ou Gontán evidencia o desprezo de Bay Wa pola saúde e os dereitos das nosas veciñas”. “E pouco importa que asinasen ou non o alugueiro dos seus montes. Porque a empresa non informa dos impactos reais. E hainos, como acaba de determinar a xustiza en Francia, definindo o síndrome da turbina”, lembra Seoane.

As nacionalistas apelan á Carta Europea de Dereitos Fundamentais, que di nos seus principios: «Os pobos de Europa, ao crear entre si unha unión cada vez máis estreita, decidiron compartir unn porvir pacífico baseado en valores comúns»; e máis adiante engade, nos artigos 1, 3 e 20: «A dignidade humana é inviolábel. Será respectada e protexida. Toda persoa ten dereito á súa integridade física e psíquica. Todas as persoas son iguais diante da lei».

“Se en Alemaña este polígono industrial sería ilegal atendendo aos dereitos das persoas, aquí na Galiza non pode ser legal”, conclúe Leopoldo Rodríguez. “A Carta ampara á cidadanía de todos os Estados. Non somos menos que as alemás e os alemáns nin consentiremos en selo”, di Ernesta Seoane.

O BNG de Celanova e o BNG da Comarca Terra de Celanova-Baixa Limia, apoiado nas recomendacións do Consello da Cultura de Galiza, volverá reclamar diante das institucións municipais, comarcais e provinciais, unha moratoria eólica. Unha proposta que se xustifica xuridicamente, como di o propio Consello, nos principios ambientais de precaución e de non regresión ambiental.


Galicia /