Redacción •  Galicia •  18/11/2025

CIG-Saúde amplía a convocatoria de folga na Atención Primaria para os días 27 e 28 de novembro

CIG-Saúde amplía a convocatoria de folga na Atención Primaria para os días 27 e 28 de novembro

CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga e mobilizacións do día 26, conxuntas coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial, e despois de escoitar a súa afiliación, decide ampliar a convocatoria de folga para todas as persoas que traballan na Atención Primaria aos días 27 e 28 de novembro.

CIG-Saúde entende que estamos nun momento decisivo para o futuro da nosa Atención Primaria e que é preciso convocar tres días de folga para expresar o malestar das traballadoras e traballadores coa situación actual e demandar da Consellería de Sanidade a posta en marcha de medidas concretas e da súa planificación exhaustiva, que demostren unha verdadeira decisión política de apostar por unha Atención Primaria digna para o presente e o futuro.

CIG-Saúde chama a todas as traballadoras e traballadores a participar activamente nas mobilizacións e folga convocadas conxuntamente polas organizacións sindicais da Mesa Sectorial e continuar en folga os días 27 e 28.

  • Días 18, 19 e 20 concentracións de 15 minutos diante dos centros de saúde e PAC ás 11h e ás 18h.
  • Día 19, concentración ás 11 hs, diante do SERGAS en Santiago.
  • Día 26 folga e manifestación ás 11 hs, diante do SERGAS en Santiago.
  • Días 27 e 28, folga.

Avances mínimos na reunión co SERGAS

Doutra banda, na segunda reunión do comité de folga (representado por CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT) o SERGAS presentou unha nova proposta que segue sen satisfacer as esixencias sindicais. “A administración vende como avance o que non é máis que un movemento mínimo e insuficiente, mentres evita afrontar os puntos centrais que motivaron a folga”, denuncian.

Critican que a proposta sobre as prazas de FEAP continúa sendo inaceptábel xa que non asegura a retirada da categoría nin a reconversión das prazas actuais.

Segundo a proposta presentada luns, o SERGAS comprométese a:

  • Consolidar o transporte para a atención domiciliaria.
  • Retribuír ao persoal dos PAC que realiza prolongacións de xornada en atención ordinaria en función do modelo de prolongación efectivamente realizada.
  • Reducir o tramo incentivado de xornada complementaria de 160 a 140 horas en PAC.
  • Equiparar o valor da xornada complementaria das enfermeiras e dos enfermeiros de PAC coa atención ordinaria.
  • Incrementar o complemento de manutención dos PAC.

Porén, para as centrais sindicais “estes movementos son claramente insuficientes”. Lembran que os puntos clave que motivaron a convocatoria de folga seguen sen unha proposta concreta enriba da mesa. “O SERGAS limítase a falar de prazos e estudos, retrasando deliberadamente solucións urxentes”.

A próxima reunión está programada para o venres 21, centrada na xornada dos PAC. As organizacións sindicais xa advertiron que non aceptarán máis trampas. “O debate debe ser sobre os criterios de cómputo da xornada, e non sobre como obrigar as traballadoras a perder horas ou regalar tempo de traballo. Non imos permitir que se nos roube dereitos nin tempo de vida”, conclúen.


Atención Primaria /