Esquerda Unida reclama da Consellería de Educación maior atención ás demandas sindicais e de ANPAS do ensino público
- Lino Costas: “Non podemos permitir que o ensino público se converta nunha mercadoría, os colexios e institutos en centros dirixidos baixo criterios empresariais e o profesorado en simple persoal técnico ás ordes do sistema”.

Compostela, 18 de febreiro do 2026.
De acordo co expresado por sindicatos e ANPAS, dende Esquerda Unida “consideramos prioritario afrontar o tema da atención á diversidade cos axeitados apoios e formación para o profesorado, a redución do número máximo de alumnado por aula, a redución da carga lectiva, así como da irracional burocracia” expón Lino Costas, coordinador nacional da formación.
“Solidarizámonos coas distintas expresións de loita e negociación activas no sector – engade Costas. – Particularmente queremos recoñecer e apoiar a organización das Asembleas Abertas e Anpas coma impulsoras destas mobilizacións coma unha forma clara e inequívoca da vontade de organización da clase traballadora e de loita pola mellora das condicións laborais e da calidade do ensino público”.
Dende EU se expresa que o coflito “non se debe pechar en falso sen asegurar unha mellora real das condicións do ensino público. – afirma o coordinador nacional – A Consellería de Educación ten que sentarse a falar co conxunto dos actores implicados, tanto sindicatos coma familias e alumnado para chegar a acordos reais de mellora do ensino público”.
