Redacción •  Galicia •  17/11/2025

Mobilización social e investigación, claves para combater o silenciamento da memoria

  • Carlos Babío e Ruben Centeno abren as xornadas sobre a Transición en Celanova cunha reflexión sobre as lección aprendidas na batalla por facer do Pazo de Meirás un lugar de memoria.
  • Belem de Andrade protagonizou a homenaxe en recordo das mulleres represariadas no cárcere de Celanova entre 1936 e 1937.
Mobilización social e investigación, claves para combater o silenciamento da memoria

«A batalla polo Pazo de Meirás inda precisa de compromiso e mobilización social. Meirás é, por resolución xudicial, do Estado mais de xeito provisorio. Falta a sentenza do Supremo, que debe decidir sobre a propiedade e sobre se os Franco teñen dereito a unha indemnización. Por outra banda, está a batalla polo relato. Pensade que Meirás, morto Franco, seguiu sendo un espazo de impunidade franquista até hai pouco; e que o Estado só moveu ficha pola mobilización social e pola investigación impulsadas desde o movemento memorialista», advertiu Carlos Babío, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), onte en Celanova durante a apertura das Xornadas de Memoria Antifascista sobre A Transición Española.

«Ao Estado non lle quedou máis remedio que avanzar cara á normalización de Meirás como un lugar de memoria por esa mobilización e investigación social, por ese compromiso do movemento memorialista galego. En Meirás, este Estado que se quere presentar como modélico en materia de memoria, non fixo nada desde a morte do ditador até o 2019. E non aceptamos o relato falso sobre Meirás que se nos quere impor agora desde o Estado», subliñou Babío, autor do ensaio ‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’ que serviu de base á demanda que logrou que a familia Franco tivese que devolver as chaves a finais de 2020.

Mais desde entón a memoria non entrou en Meirás, insistiu Babío, que explicou como a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, con Fernando Martínez á fronte, ten controlado os usos de Meirás deixando fóra á CRMH, impulsora da loita pola recuperación do Pazo nos últimos vinte anos, recollendo unha mobilización ben asentada na Coruña desde o tempo da Transición. O último episodio deste enfrontamento tivo lugar a principios de setembro, cando a Secretaría de Estado deu por caducado o expediente presentado pola CRMH para a declaración de Meirás como lugar de memoria e, inmediatamente, anunciou que o expediente sería tramitado de oficio polo Goberno e Fernando Martínez se presentou na Coruña para publicitar o anuncio.

Babío estivo acompañado por outro investigador da CRMH da Coruña, Ruben Centeno, que falou sobre as pescudas que está a levar a cabo sobre os presos e presas no cárcere da Coruña desde o golpe de Estado até a Transición. Centeno explicou outras represións, máis alá das políticas, pero represións sociais ao fin, como a represión contra os homosexuais e os pobres. «Pasaron máis de 10.000 presas e presos por aquel cárcere, familias enteiras nos anos corenta que constituían a rede de apoio da guerrilla. Imos expediente a expediente, e aínda que resulta difícil acceder a determinados arquivos, estamos a documentar todas as represións, que a partir dos anos sesenta ten unha compoñente política moi marcada co foco na oposición antifranquista», avanzou Centeno, e alertou tamén sobre o estado de conservación do edificio -próximo á ruína- para o que a CRMH tamén solicitou a declaración de lugar de memoria nun intento de intentar salvado do esquecemento.

«Negar ás vítimas a recuperación e a participación no futuro destes espazos supón unha nova revitimización, silencio sobre o silencio», reflexionaron Babío e Centeno, e informaron de que a CRMH está a traballar na localización de familias das 250 vítimas soterradas no cemiterio de Santo Amaro da Coruña así como das vítimas do cárcere da Coruña para, ben a través da Fiscalía de Memoria Democrática, ben a través da Querela Arxentina, encamiñar demandas por crimes de lesa humanidade.


Celanova /