Redacción •  Galicia •  17/08/2025

BNG exixe máis medios e coordinación entre Xunta e Estado para facer fronte á vaga de incendios en Ourense

  • Noa Presas alerta de que practicamente todas as comarcas están a arder e reclama que a prioridade sexa apagar os lumes.
  • O BNG defende un novo modelo forestal baseado na prevención, a reordenación territorial e a multifuncionalidade do monte.
BNG exixe máis medios e coordinación entre Xunta e Estado para facer fronte á vaga de incendios en Ourense

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Noa Presas, denunciou a situación “gravísima e sen precedentes” que está a vivir a provincia de Ourense polos incendios forestais, que xa arrasaron máis de 41.000 hectáreas e seguen activos en practicamente todas as comarcas, con especial incidencia no Val de Monterrei, Valdeorras e o Ribeiro.

“Estamos ante unha catástrofe absolutamente descontrolada, cunha poboación que se sente soa e abandonada, loitando contra o lume sen medios”, afirmou Presas, quen lembrou que hai veciños e veciñas que tratan de defender as súas casas e terras pola súa conta, mentres o persoal de extinción está esgotado tras varios días de traballo continuo.

A deputada nacionalista subliñou que a prioridade inmediata debe ser “apagar o lume e poñer control a esta emerxencia”, polo que urxe que a Xunta e o Estado deixen de “pasarse a pelota” e colaboren con todos os medios dispoñibles, tanto materiais como humanos.

Ao mesmo tempo, Presas insistiu en que cómpre mudar o modelo forestal e de xestión do territorio. Nese sentido, lembrou que a proposta do BNG aposta por unha política integral preventiva, con máis investimento en accións sobre o territorio, como faixas de protección, cortalumes naturais e pasteiros para o gando; por unha planificación preventiva nas zonas de maior risco; por unha reordenación territorial que afaste as masas forestais das zonas habitadas e de actividade industrial; e por un novo modelo de ordenación forestal que permita un monte multifuncional, combinando o aproveitamento forestal e agrario.

“Non podemos seguir repetindo esta traxedia cada verán. Hai que poñer a vida e o futuro do noso rural no centro e actuar con visión de país”, concluíu Presas.


incendios forestais /