Redacción •  Galicia •  17/07/2025

Esquerda Unida defende un sistema de financiación autonómica que beneficie á clase traballadora no seu conxunto

  • Dende EU “estamos de acordo na necesidade dun modelo que resolva as desigualdades entre territorios, pero dende logo non vai a entrar no xogo de enfrontamento entre comunidades por unha financiación singular” engade Lino Costas.
Esquerda Unida defende un sistema de financiación autonómica que beneficie á clase traballadora no seu conxunto

Compostela, a 17 de xullo do 2025.

Esquerda Unida sostén a necesidade de pular por “un modelo federal e solidario que beneficie á clase traballadora en función das súas necesidades e non do territorio onde habite” afirma Lino Costas, Coordinador Nacional.

Esquerda Unida defende a reforma de financiación autonómica en tres liñas principais:

Por unha banda a cancelación da débeda das comunidades co estado condicionada a que o aforrado por estas sexa destinado a servizos públicos esenciais (sanidade, educación e servizos sociais) e a non rebaixar os tributos cedidos nin os impostos propios.

Por outra, entende que a reforma fiscal debe dar resposta aos principais problemas do sistema como son a suficiencia dos ingresos, a falta de equidade e a elusión e fraude por parte das rendas elevadas. Nesa liña, a organización propón eliminar a capacidade normativa das comunidades autónomas sobre os mínimos persoais e familiares no IRPF, establecer os mesmos tramos e tipos en todas as comunidades, actualizar a normativa con respecto do imposto de sucesións e donacións establecendo unha base liquidable homoxénea, aumentar o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados a partires de 1 millón de euros, reformar o imposto de Patrimonio de xeito que as comunidades non poidan aplicar bonificacións ao tributo a partir de un millón de euros e impulsar o establecemento de tasas turísticas.

Por último, Esquerda Unida considera que se debe asegurar un chan mínimo para garantir o gasto público social mínimo, de xeito que se adique o 8% do PIB en sanidade, o 6% en educación e o 3% para servizos sociais e coidados. “Débense revisar ademais as variables do indicador de poboación axustada e as ponderacións asisnadas ás mesmas de xeito que se contemple a poboación en función das necesidades de asistencia sanitaria, superficie, dispersión e insularidade, a poboación estudante ampliando o tramo ata os 18 anos e a poboación con necesidades de protección social máis alá dos maiores de 65 anos, tal e coma son a poboación en risco de exclusión social e de pobreza e as persoas dependentes” matiza o Coordinador Nacional.

O que Esquerda Unida “non pode aceptar de ningún xeito” é que a financiación autonómica estea suxeita ao principio de ordinalidade, de xeito que as comunidades que máis recaudan reciban máis. “Isto vai en contra do principio de solidariedade e soamente garante que as comunidades máis ricas manteñan o seu status quo fronte ás comunidades máis pobres á vez que é un atraco ao desenvolvemento destas últimas” apunta Costas. “Que o sistema de financiación presente problemas non quere dicir que a solución pase por premiar a algunhas comunidades en función dos intereses dos partidos e en detrimento de outras” conclúe o Coordinador Nacional de Esquerda Unida.


financiación autonómica /