Pontón pide a Rueda un escudo social galego para paliar as consecuencias da guerra imperialista en Oriente Medio
- Propón levantar as peaxes, duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas, bono transporte de 30€/mes e créditos ás Pemes.
- Reclama axudas directas para os sectores máis afectados e lamenta que, unha vez máis, o Goberno do PP estea desaparecido e non actúe ante a crise.

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Pontevedra ao Executivo de Alfonso Rueda un “escudo social galego” para paliar as consecuencias económicas da escalada da “guerra imperialista” que se está producindo en Oriente Medio.
Pontón advertiu que ante o impacto que sofre a economía galega, a Xunta “non pode ser unha observadora” e debe apoiar aos sectores afectados, ao tecido económico do País e ao conxunto da cidadanía, que “vai ver como o custo da vida, que xa estaba polas nubes, se incrementa aínda máis”.
“Desde o BNG pedimos á Xunta que active un plan extraordinario de apoio aos nosos sectores produtivos e de apoio ás clases populares para facer fronte a esta situación, un escudo social galego con medidas económicas e sociais para axudar neste momento”, reclamou desde Pontevedra, onde participou na presentación da campaña ‘Co BNG, Galiza gaña’ xunto aos representantes do Bloque no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, respectivamente, e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
A líder nacionalista afondou nalgunhas das medidas propostas polo BNG, como o establecemento de axudas directas para os sectores máis afectados polo incremento dos custos de combustible, enerxéticos e de materias primas -entre os que citou ao do transporte, o agrogandeiro ou o pesqueiro- ou o levantamento das peaxes das autoestradas que dependen da Xunta.
Así mesmo, avogou por poñer en marcha un bono transporte que permita á cidadanía utilizar todos os medios públicos por un custo mensual de 30 euros e por duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas, “as máis baixas e que reciben case 50.000 persoas”, recalcou.
Pontón tamén defendeu a creación de liñas de crédito para as pequenas e medianas empresas e dun fondo extraordinario para os concellos, ante o incremento dos custos da prestación de servizos.
Estas son algunhas das medidas, avanzou, que o BNG vai levar ao Parlamento para que o Goberno do PP, que “ten competencias”, actúe xa para “paliar o grave impacto que esta crise pode ter tanto das empresas como das familias”.
“Cremos que este é un momento que require anticipación, responsabilidade e defensa dos intereses galegos e é unha mágoa que o Goberno galego estea desaparecido e que, unha vez máis, demostre que non está á altura do que necesita este País”, criticou ao Executivo de Rueda, do que dixo “non pode mirar para outro lado, mentres unha nova guerra imperialista ameaza a economía galega e a vida das maiorías sociais”.
Neste sentido, subliñou que Galiza precisa un Goberno que se anticipe ás crises “e non que chegue sempre tarde como o Goberno do Partido Popular” e advertiu que é precisamente nos momentos de incerteza cando máis se necesita un Executivo que “defenda os intereses do País e da xente”. “Por iso, resulta incomprensible a pasividade do PP”, lamentou.
“Non estamos falando de números, estamos falando de empregos, de empresas e do día a día de moitas familias que xa estaban sufrindo pola carestía da vida e que ven que o que se nos vén enriba é de novo un incremento de prezos que afoga aínda un pouco máis unhas economías familiares que, en moitos casos, xa estaban nunha situación crítica”, concluíu.
Declaración institucional no Parlamento para non indemnizar aos Franco por Meirás
A portavoz nacional tamén se referiu á recente sentenza do Tribunal Supremo sobre o Pazo de Meirás e avanzou que o BNG levará unha proposta de declaración institucional ao próximo Pleno para que o Parlamento galego “diga alto e claro que houbo mala fe na ocupación por parte dos Franco dese pazo e que, polo tanto, non temos que indemnizar á familia”.
“Terá que ser a familia Franco quen lle pague aos galegos e ás galegas por usurpar, por facer de ‘familia okupa’ durante todos estes anos dun ben que é da cidadanía galega”, engadiu logo de avogar por seguir cunha batalla que ten que acabar non só coa recuperación do pazo, senón impedindo que se lle pague “absolutamente nada” aos herdeiros do ditador.
Pontón indicou que a sentenza firme do Supremo vén a recoñecer o que o Bloque leva demandando durante moitos anos e que é que “Meirás era do pobo galego e que a familia Franco o estaba ocupando de maneira ilexítima”.
“Pero tamén cremos que é incomprensible que haxa unha sentenza que nos di que temos que pagar aos Franco unha indemnización, cando máis ben o que tería que ser é ao contrario, deberían de ser os Franco os que nos pagaran por estar utilizando de maneira ilexítima e ilegal ese pazo durante décadas”, incidiu.
Neste sentido, advertiu que o fallo xudicial chegou a este punto “por responsabilidade do Partido Popular e do señor Feijóo”, dado que non seu momento elaborou un informe que concluía que “houbera boa fe na ocupación por parte da familia Franco do pazo” e que durante 40 anos nunca reclamaran a titularidade do mesmo. “Polo tanto, hai unha responsabilidade directa do PP”, concluíu.
