Esquerda Unida reitera a petición da dimisión de José Tomé Roca de todos os seus cargos tralas denuncias de acoso coñecidas
- Chus Rodríguez: “É preciso depurar todas as responsabilidades dos cargos da organización que gardaron silencio de forma cómplice”.
- Esquerda Unida amosa o seu apoio total ás vítimas nesta nova demostración do machismo institucional que semella sustentar comportamentos despreciables coma estes.

Compostela, 16 de decembro 2025. Na liña do trasladado o pasado xoves por parte da dirección local de Esquerda Unida de Lugo, Esquerda Unida insiste na necesidade de afastar a José Tomé Roca do espazo institucional lucense; alén da correspondente responsabilidade legal que teña tralas acusacións de acoso sexual de varias mulleres do PSOE contra o que anunciou a súa dimisión como Presidente da Deputación (mais conservando a súa acta como deputado) e Alcalde de Monforte de Lemos.
“Isto tamén vai polos partidos que, coa sua falla de claridade, están permitindo que o Goberno da Deputación de Lugo aínda se sosteña” matiza Chus Rodríguez, responsable de Política Institucional de Esquerda Unida, referíndose nomeadamente ao Bloque Nacionalista Galego e a súa posición dentro da institución provincial. “Deberían amosar dun xeito contundente que son un partido feminista e que non están ao lado daqueles que acción ou omisión foron partícipes destas situacións de acoso” engade.
Esquerda Unida quere lembrar que ante situacións como esta, “todos os partidos que conforman a Institución, deben actuar coa máxima dilixencia e responsabilidade e esixir, sen medias tintas, que o aínda alcalde abandone todos os seu cargos e funcións”.
Nese sentido EU insiste en que “de demostrarse que Besteiro e Lara Méndez coñecían o que estaba a pasar, tamén deben asumir as súas responsabilidades e dimitir igualmente” afirma Rodríguez. ”Actitudes coma estas non poden formar parte dun partido político que se autodefine como feminista” suliña.
“As canles para notificar situacións de acoso, violencia machista en calquera organización, están esixidas pola lei, mais depende da responsabilidade e ética dos responsables das organizacións, que estas canles funcionen adecuadamente” enfatiza Chus Rodríguez. “Os silencios cómplices dos xerarquicamente superiores en calquera organización, revitimizan e maltratan a calquera potencial vítima, afastándoa dunha posible denuncia e bloqueando calquera procedemento xudicial” conclúe.
