BNG reclama melloras urxentes na loita contra a violencia machista tras os alarmantes datos do último informe do Observatorio estatal
Carme da Silva: “A Galiza é o segundo territorio en taxa de vítimas e as medidas non poden seguir quedando no papel mentres asasinan as mulleres”.

A raíz da publicación do “Informe sobre vítimas mortais de violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou ex-parella de 2024”, elaborado polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, a senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para reclamar ao Goberno a aplicación de todas as medidas na loita contra a violencia machista. A formación nacionalista sinala que os datos, sobre todo na Gaiza, son alarmante e precísase que todas as medidas aprobadas na renovación do Pacto de Estado se desenvolvan de maneira efectiva, dotándoas cos recursos necesarios.
A senadora do BNG, Carme da Silva, advirte da gravidade das cifras: “En 2024, 48 mulleres foron asasinadas en todo o Estado, cinco delas na Galiza. Isto supón máis dun feminicidio por semana. Unha barbarie insoportábel que non pode ser asumida con resignación, senón que debe provocar reaccións políticas firmes e con recursos suficientes”.
Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno do Estado que realice unha avaliación detallada do informe, especialmente no que atinxe á situación da Galiza, que se sitúa como o segundo territorio do Estado con maior taxa de vítimas, con 4% por cada millón de mulleres maiores de 15 anos, moi por riba da media estatal de 2,23%. “Estamos ante un dato moi preocupante que require explicacións e, sobre todo, medidas específicas para Galiza” subliña da Silva.
A senadora nacionalista tamén puxo o foco na baixa porcentaxe de denuncias previas na Galiza por parte das vítimas asasinadas: só unha das cinco. “Isto demostra que o sistema non está chegando ás vítimas a tempo. É imprescindíbel implantar todas as medidas recollidas no renovado Pacto de Estado e dotalo dos recursos económicos e materiais suficientes para garantir a prevención, protección e acompañamento ás mulleres en situación de risco” defende.
Entre as reclamacións, o BNG require que o Executivo estatal mellore o acceso á información socioeconómica tanto das vítimas como dos agresores, para que se poidan comprender mellor os factores que condicionan a súa relación. “Sen coñecemento profundo da realidade das vítimas, é imposíbel deseñar políticas eficaces” sinala da Silva.
Ademais, a senadora do BNG solicita que se incorporen todas as medidas contempladas á estratexia contra a violencia machista, tendo en conta o aumento de casos entre mulleres maiores de 65 anos, unha realidade especialmente significativa na Galiza. “O avellentamento da poboación galega fai que a resposta fronte á violencia tamén teña que adaptarse a esa realidade social” exemplifica.
Por último, o BNG demanda que o Goberno do Estado analice a relación entre o espazo e o tempo dos feminicidios, xa que segundo o informe, máis de 75% tiveron lugar nos domicilios, e os meses de verán concentran o maior número de casos.