Esquerda Unida esixe prevención, vixilancia e penas máis duras contra os incendiarios
- Lino Costas “É preciso executar de xeito inmediato medidas como a limitación real da plantación de especies pirófitas ou o establecemento dun control férreo dos medios de extinción para poñer freo a esta catástrofe que ano tras ano está arrasando os nosos montes, calcinando vexetación, animais e ameazando as vida da veciñanza”.

Galiza é historicamente unha das comunidades máis afectadas polos incendios forestais no Estado. Entre as principais causas que favorecen a expansión do lume “está a presenza masiva de especies foráneas pirófitas, como o pino ou o eucalipto, que arden con enorme facilidade” afirma Lino Costas, Coordinador Nacional de Esquerda Unida.
A inmensa maioría dos incendios “teñen orixe humana, xa sexa por neglixencia ou provocados” apunta Lino Costas. Segundo datos definitivos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para o período 2006-2015, “máis da metade dos lumes causados por persoas son intencionados” engade Lino Costas.
Mentres tanto, “a Xunta de Galicia gasta anualmente uns 200 millóns de euros na extinción de incendios, cun sistema no que boa parte das tarefas de extinción e prevención están privatizadas, convertendo o lume nun negocio para algúns” sinala o coordinador.
Esquerda Unida reclama a execución inmediata de liñas de actuación que inciden en catro puntos: A limitación real da plantación de especies pirófitas e posta en marcha dun plan ambicioso de recuperación do bosque autóctono. Recuperación da gandería extensiva, tanto como fonte económica sostible como ferramenta natural de prevención de incendios. Estabilidade laboral para o persoal brigadista, encargándolles tamén labores de limpeza e mantemento de cortalumes nos meses de inverno.Reversión da privatización dos medios de extinción, incluíndo os aéreos.