Redacción •  Galicia •  15/05/2025

Queremos Galego chama a facer historia, este 17 de maio, cunha manifestación masiva en Compostela

A mobilización, seguida dunha foliada, exixirá o cumprimento dos acordos lingüísticos e o fin das políticas antigalegas.

Queremos Galego chama a facer historia, este 17 de maio, cunha manifestación masiva en Compostela

A Plataforma cidadá Queremos Galego anunciou hoxe unha mobilización histórica para o 17 de maio en Compostela, sob o lema Lingua Vital Xa. Nun contexto de emerxencia lingüística, Celia Armas, coordinadora da plataforma, e Marcos Maceira, o seu portavoz, presentaron unha manifestación que percorrerá un novo itinerario até a Praza do Obradoiro, onde culminará cunha gran foliada. A CIG chama a participar masivamente neste acto reivindicativo e festivo en defensa da nosa lingua.

En representación de Queremos Galego, Celia Armas destacou a organización da mobilización, que parte dos plenarios constituídos tras a manifestación do 23 de febreiro en Santiago. Explicou que se constituíron máis de 20 plenarios por todo o país, para coordinar a acción, incluíndo o transporte desde máis de 30 localidades, cuxa información está dispoñíbel na web de Queremos Galego. A coordinadora detallou que a manifestación, prevista para as 12:00 horas desde a Alameda, terá un percorrido diferente, pasando pola Avenida de Figueroa, San Clemente, a Travesía de Fonseca, a Rúa do Franco e Fonseca, ata chegar á Praza do Obradoiro.

Armas subliñou o carácter festivo e combativo do acto, afirmando que “comezaremos unha foliada pola lingua, nun día de reivindicación e tamén de alegría e de celebración”. Engadiu que “mantemos a lingua viva fronte á belixerancia do goberno”, simbolizando a esperanza na pervivencia do galego, porque “a nosa lingua ten futuro, a nosa lingua é unha lingua vital”.

A actriz Isabel Risco conducirá o evento, que contará coas intervencións de Armas e Maceira, presentando as entidades do proceso social Lingua Vital. A coordinadora animou a participar con pandeiretas e instrumentos, destacando que “animamos a todas as persoas que queiran participar, que veñan acompañadas de pandeiretas ou de instrumentos, que veñan tamén cargadas co ánimo para expresar, cantando, a forza do noso idioma”.

A mobilización, única vía para reverter a emerxencia lingüística

Pola súa banda, Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá, denunciou a inacción da Xunta de Galiza, que só responde ante a presión social. Afirmou que “a Xunta de Galiza está demostrando que só actúa se o pobo galego se mobiliza” e criticou os anuncios “aparenciais” do goberno, como a copia do proxecto Abertos ao Galego da Mesa pola Normalización Lingüística, mentres “continúan coas accións en contra do galego”.

Citou exemplos como a Lei de Medios Públicos, que permite linguas distintas do galego nun sector onde só o 0,9% dos contidos están na lingua propia, a exclusión do galego en campamentos de verán, as modificacións na Lei de Función Pública, e a persistencia do decreto do plurilingüismo, que provocou “a taxa de descoñecemento do galego máis alta da historia de Galiza”.

Maceira enfatizou a necesidade dunha mobilización histórica e incidiu en que “os nosos netos e as nosas netas van poder dicir nun futuro que poden seguir falando galego, que falan galego grazas aos seus pais e nais, grazas aos seus avós e avoas, que se mobilizaron e conquistaron na rúa a defensa da lingua”. O portavoz instou a eliminar programas que “só propoñen a destrución” do galego e presentou o proceso Lingua Vital como un compromiso para executar acordos lingüísticos democráticos, afirmando que “propoñemos accións que fagan realidade todo aquilo que está acordado, o que está acordado democraticamente e que, en moitos casos, son dereitos lingüísticos fundamentais”.

Decreto de Plurilingüismo

Maceira denunciou ademais a obstinación da Xunta por manter o decreto do plurilingüismo, malia contradicir o seu propio programa electoral, que prometía medidas de promoción do galego, aplicando políticas que limitan o uso do galego en sectores clave como a educación, a administración e os medios.

O portavoz concluíu que a mobilización do 17 de maio debe ser un punto de inflexión, afirmando que “temos que facer historia colectivamente máis unha vez para comezar a reverter a situación de emerxencia lingüística”. Insistiu en que “a belixerancia contra o idioma debe parar” e que a sociedade galega, a través da mobilización, conquistará “o dereito de vivir en galego”. Maceira animou a participar con “alegría, forza e contundencia”, levando “a música e a pandeireta na man” para construír un futuro onde o galego sexa unha lingua viva e soberana.


Queremos Galego /