Redacción •  Galicia •  14/06/2025

Medran as presións aos festivais da KKR: 150 artistas exixen cambios ao Sónar e O Son do Camiño enfronta unha posíbel folga

  • O manifesto apela directamente á conciencia do persoal traballador convidando a deixar de enriquecer “a quen nos empobrece e precariza”, mentres financia o apartheid e o xenocidio na Palestina.
Medran as presións aos festivais da KKR: 150 artistas exixen cambios ao Sónar e O Son do Camiño enfronta unha posíbel folga

O cerco aos festivais ligados ao fondo proisraelita KKR continúa estreitándose. No caso do Sónar, a presión dá un novo salto importante: xa son 150 artistas —tanto de edicións actuais como pasadas— quen lle exixen ao festival que cumpra cos 4 mínimos éticos da campaña BDS. Entre as sinaturas hai cancelacións, participacións mantidas, pero unha mensaxe común: posicionamento claro e fin da complicidade co apartheid sionista.

Os primeiros comunicados do Viña Rock, do Resurrection ou mesmo do Sónar amosaron xestos parciais, pero insuficientes para a campaña Prou Complicitat. Esta celebra algúns avances —como a ruptura de vínculos coa Coca-Cola ou co McDonald’s e a condena pública do xenocidio—, mais insiste en que o festival segue sen cumprir os mínimos exixíbeis: a adhesión pública aos principios do movemento BDS. Outros festivais da Superstruct como o Boiler Room ou o Mighty Hoopla xa o fixeron.

Ao tempo, emerxe unha nova fronte de presión desde dentro do propio circuíto festivaleiro: persoal técnico, de montaxe e de limpeza do festival O Son do Camiño acaba de facer público un manifesto que marca un punto de inflexión. A súa chamada ao boicote e á folga de brazos caídos durante o evento sitúa o conflito nun nivel sen precedentes.

Unha asemblea independente de persoas traballadoras do festival fixo público un manifesto contundente: non só reclaman melloras nas condicións laborais e denuncian o papel do fondo proisraelita KKR como propietario, senón que lle exixen ao Son do Camiño o cumprimento dos 4 mínimos do movemento BDS e chaman á un sabotaxe simbólico durante o evento se non se producen avances.

O manifesto apela directamente á conciencia do persoal traballador —e de todas as persoas implicadas— convidando a deixar de enriquecer “a quen nos empobrece e precariza”, mentres financia o apartheid e o xenocidio na Palestina. A súa linguaxe é directa e sen eufemismos: “Que se contaxie a dignidade”, afirman, rematando cunha chamada clara á autoorganización.

Este novo escenario entre o persoal do Son do Camiño marca un antes e un despois e podería estenderse ao Sónar a falta dun compromiso firme coas demandas mínimas que reclama o BDS.


Solidaridad Internacional /