Redacción •  Galicia •  13/10/2022

Marea Atlántica e o BNG presentan ao Pleno a moción de CADECO pola recuperación da Casa Cornide: o goberno local debe presentar demanda tras tres anos sen avances

  • Os grupos da Marea Atlántica e o BNG presentan conxuntamente una iniciativa da Comisión en Defensa do Común e outras 24 entidades, que tamén reclama que a Xunta complete a declaración de BIC.
  • A Marea Atlántica solicitou acceso ao expediente preparatorio deste procedemento xudicial, que segundo a alcaldesa debería estar a elaborarse nos servizos xurídicos municipais.
Marea Atlántica e o BNG presentan ao Pleno a moción de CADECO pola recuperación da Casa Cornide: o goberno local debe presentar demanda tras tres anos sen avances

Os grupos municipais da Marea Atlántica e o BNG, xunto coa concelleira non adscrita Isabel Faraldo, defenderán no vindeiro Pleno do Concello da Coruña unha moción impulsada pola Comisión Aberta en Defensa do Común e respaldada por 24 colectivos e entidades da cidade, na que se reclaman pasos adiante para a recuperación da Casa Cornide de mans da familia Franco e a defensa da Memoria Histórica na Coruña. É necesario protexer o inmoble ante os constantes intentos de vendelo por parte dos herdeiros do ditador.

A moción insta a imitar o proceso xurídico e administrativo que se seguiu no Pazo de Meirás, para o cal é imprescindible que o Concello da Coruña presente unha demanda para anular o fraudulento traspaso da casa natal de José Cornide a Carmen Polo, a esposa do ditador Francisco Franco. É algo que Inés Rey leva prometendo case desde que tomou posesión, pero que en máis de tres anos non foi quen de concretar. Desde CADECO e desde os grupos que apoiamos a moción, reclamamos que se faga antes de que remate o ano 2022. 

Desde a Marea Atlántica, ademais, solicitamos acceso ao expediente de Alcaldía sobre a demanda para a recuperación da Casa Cornide, na que, segundo a alcaldesa, están a traballar os servizos xurídicos municipais. Queremos coñecer o estado real no que se atopa o procedemento, para trasladarllo despois á veciñanza. 

A moción reclámalle tamén á Xunta de Galicia que faga a súa parte e, antes de que remate o ano, complete a declaración da Casa Cornide coma Ben de Interese Cultural, despois dun ano sen avances. 

Os Franco, unha familia non grata

A Comisión en Defensa do Común procura nesta iniciativa que a familia Franco sexa declarada non grata na Coruña “polo seu empeño en continuar co espolio e manter a propiedade da Casa Cornide”. No texto da moción, lémbrase que Alfonso Molina e Pedro Barrié de la Maza participaron nunha fraude de lei e simularon unha poxa para que o histórico edificio da rúa Damas deixase de ser propiedade pública do Concello da Coruña e rematase en mans dos Franco a través de Carmen Polo. Un proceso cuxa ilegalidade está demostrada pola descuberta dunha carta do secretario de Franco, feita pública en 2019 por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, e polo informe que Emilio Grandío realizou para o Instituto Cornide en 2020. 

Nesta liña, a moción que levaremos a Pleno tamén reclama que se lle retiren honras na Coruña a todas as persoas que participaron no roubo da Casa Cornide, e o cumprimento do estudo do Instituto Cornide no que se pide que os nomes de destacados colaboradores da ditadura desaparezan do rueiro coruñés, e que leva dous anos sendo ignorado pola alcaldesa. Para iso é imprescindible convocar o Consello da Memoria Democrática, que só se reuniu dúas veces este mandato. A inacción deste goberno en materia de Memoria Histórica é grave, e levou á CMRH a ameazar con presentar unha denuncia contra o Concello por incumprir a lei

Marcha cívica, o sábado 5 de novembro

Finalmente, a moción de CADECO pide o apoio da Corporación Municipal para a III Marcha Cívica pola devolución da Casa Cornide, coa seguinte mensaxe: “Que devolvan todo o roubado. Despois do Pazo de Meirás, recuperación para o pobo da Casa Cornide”. Terá lugar o vindeiro sábado 5 de novembro.


Casa Cornide /