Redacción •  Galicia •  13/08/2025

A loita de Moncho Reboiras segue viva no 50 aniversario do seu asasinato a mans da policía da ditadura franquista

O comité organizador dos actos, no que están as Fundacións Moncho Reboiras, Galiza Sempre e Terra e Tempo, celebrou un evento conmemorativo en Imo, Dodro, onde está soterrado.

A loita de Moncho Reboiras segue viva no 50 aniversario do seu asasinato a mans da policía da ditadura franquista

O cemiterio de Imo, en Dodro, foi esta mañá escenario do acto de conmemoración do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras a mans da policía da ditadura franquista. Unha conmemoración inserida no conxunto de eventos que se están a organizar ao longo deste ano con motivo deste aniversario cos que se pretende, segundo explicou Suso Seixo, “que non sexa unha figura de museo de cera, senón manter viva a súa figura a través do seu ideario e dos obxectivos políticos polos que loitou e deu a súa vida”.

A homenaxe iniciouse a mediodía, nun dos piares da autovía que está a carón do cemiterio, onde se inaugurou o mural restaurado de Moncho Reboiras e onde familiares seus descubriron unha placa de metacrilato, na que figura unha pequena biografía súa. En nome da familia un curmán de Moncho, Alexandre Martínez, dirixiu unhas palabras de agradecemento ás persoas asistentes, á comisión organizadora do acto e ás entidades e persoas que forman parte da mesma.

Unha intervención na que lembrou como a Reboiras “lle encantaba vir pola aldea, contar historias de Rosalía e de Castelao e reivindicaba que había que defender o idioma e todo o noso” e que rematou cun emotivo “Pepe morreu, pero Moncho segue vivo nos nosos corazóns e na loita cada día”.

Desde aí partiron as persoas participantes portando cadanseu cravo, en comitiva, até o cemiterio, encabezadas por un grupo de gaitas que entoaron o himno do Antigo Reino de Galiza. Cravos que foron depositados ante a tumba de Reboiras e que se sumaron á ofrenda floral das fundacións, das forzas políticas participantes e da CIG.

Comezou a partir de aí o acto cunha pequena intervención do representante do goberno municipal de Dodro e, deseguido, coas intervencións de representantes da comisión organizadora: Lois Ríos, que estivo con Moncho en Ferrol o día que foi asasinado e que tivo un papel importante na conformación dos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista, como o SOG, a ING e a INTG, da que foi secretario xeral; Marisa Vázquez, que foi unha das persoas detidas tras daquel 12 de agosto e pasou varios anos na cadea e Suso Seixo, actual presidente da Fundación Moncho Reboiras.

Puxeron o ramo a esta conmemoración as actuacións musicais de Mini e Sés, e o canto do himno galego.

Semente de vencer

Estes actos están convocados polo comité organizador da conmemoración do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, integrado por tres fundacións: Terra e Tempo, Galiza Sempre e Moncho Reboiras, constituída pola CIG, xunto cun Comité de Honra formado por persoas que militaron con Moncho e que representan a toda unha xeración que, a finais dos anos 60 e principios dos 70, se sumou á loita contra a ditadura franquista.

Así o lembrou na súa intervención Suso Seixo, quen subliñou que en Galiza, as e os militantes dese período deron a esta loita “unha connotación que ía máis alá, pois entendían que non se podía falar de liberdade e democracia, mentres Galiza fose unha nación asoballada e reclamaban dereitos como o de autodeterminación, a defensa da nosa cultura e da nosa lingua vinculados á loita pola mellora das condicións de vida das clases populares”.

O Presidente da Fundación Moncho Reboiras lembrou que con todos os actos organizados arredor da súa figura, neste ano, a comisión organizadora ten unha finalidade clara: “honrar a figura de Moncho Reboiras, pero, sobre todo, dala a coñecer entre a poboación xeral”.

Neste sentido, Seixo subliñou que Moncho é unha persoa coñecida e recoñecida no ámbito do nacionalismo, pero “noutros sectores da sociedade galega é descoñecido, como ocorre coa maioría dos personaxes destacados da nosa historia, que non son promovidos polo poder”. Por iso, se están a realizar publicacións e desenvolvendo actos para difundilo na sociedade galega.

A loita continúa

A comisión organizadora busca ademais o recoñecemento institucional. Por iso, Suso Seixo explicou que se dirixiron a todos os concellos de Galiza para pedir que se lle dea o nome de Moncho Reboiras a unha infraestrutura pública, a que cada concello considere oportuna, sempre que sexa digna. “Estamos facendo xestións especialmente en concellos con significado na vida de Moncho, como Dodro, onde atopamos colaboración total por parte do goberno municipal, e mesmo xa se mantiveron entrevistas con membros do goberno municipal en cidades como Ferrol, Compostela, A Coruña ou Lugo”.

Agardan que finalmente se materialice, non só dedicándolle unha rúa, porque algúns concellos xa adiantaron a posibilidade de ceder espazos para colocar un busto de Moncho Reboiras. Para Suso Seixo, con todas estas iniciativas preténdese “que Moncho non sexa unha figura de museo de cera, senón unha figura viva, porque as súas ideas, polas que loitou e morreu, seguen vixentes”.

Así lembrou que Galiza segue reclamando a súa soberanía, non recoñecida como nación na constitución española e “seguimos loitando por unha sociedade sen clases, contra o capitalismo, contra o rexurdir do fascismo no Estado, en Europa e no mundo. Reivindicamos a autoorganización como clave para cumprir os nosos obxectivos políticos”. Ideas, dixo, “polas que Moncho dedicou a súa vida” e que son totalmente actuais.

Seixo concluíu asegurando que, con todo, “a mellor homenaxe é seguir loitando para facer realidade na nosa nación as ideas polas que el viviu no ámbito sindical, cultural e político”.


Dictadura Franquista /