Redacción •  Galicia •  13/04/2026

BNG urxe o Goberno a reverter as modificacións introducidas e blindar os dereitos das persoas frente ás mutuas

Néstor Rego reclama a derrogación inmediata da Disposición Final Primeira, apartado 1 do artigo 67, introducida polo Real Decreto 453/2022 e recuperar o marco anterior.

“Non se pode permitir que as mutuas recorten dereitos nin descarguen sobre as persoas traballadoras custos que custos que deben ser cubertos por elas” sinala.

BNG urxe o Goberno a reverter as modificacións introducidas e blindar os dereitos das persoas frente ás mutuas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas co obxectivo de que o Goberno do Estado reverta as modificacións introducidas polo Real Decreto 453/2022, de 14 de xuño, e garanta a protección efectiva das persoas afectadas por accidentes laborais frente aos criterios restritivos que están a aplicar as mutuas e que na práctica implican eliminar as compensacións por desprazamentos e estancia para asistir a tratamentos médicos.

A formación nacionalista denuncia que a modificación da Disposición Final Primeira do devandito Real Decreto implicou unha clara regresión nos dereitos das persoas traballadoras que sufriron accidentes laborais con secuelas. No concreto, a mudanza introducida no artigo 67 permite ás mutuas determinar a porcentaxe dos gastos que van cubrir, atendendo a criterios discrecionais, o que na práctica está a provocar unha redución significativa das prestacións.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta de que esta modificación “está a ter efectos moi lesivos para as persoas afectadas, que agora ven como as mutuas deixan de asumir gastos básicos vinculados aos seus tratamentos e seguimentos médicos”. Neste sentido, subliña que “falamos de persoas que precisan desprazarse regularmente, ás veces con acompañantes, para recibir atención sanitaria derivada dun accidente laboral, e que agora teñen que asumir custos que antes estaban cubertos”.

Rego denuncia que, após a entrada en vigor do Real Decreto, as mutuas están a eliminar o pagamento íntegro dos gastos de desprazamento e estancia, substituíndoos por achegas mínimas condicionadas á avaliación dunha Comisión de Prestacións Especiais. “Esta comisión está a conceder cantidades claramente insuficientes, o que implica un recorte encuberto e unha transferencia de custos ás persoas afectadas” critica Rego.

Para o deputado nacionalista, esta situación evidencia que o Ministerio de Inclusión e Seguranza Social “é plenamente consciente do impacto negativo desta modificación normativa, que está a prexudicar gravemente a quen xa se encontra nunha situación de especial vulnerabilidade tras sufrir un accidente laboral”.

Ante esta situación, o BNG reclama ao Goberno a derrogación inmediata da Disposición Final Primeira, apartado 1 do artigo 67, introducida polo Real Decreto 453/2022, e a recuperación do marco normativo anterior. “É imprescindíbel garantir que as mutuas asuman a totalidade dos gastos derivados dos desprazamentos, estancias e coidados necesarios para o seguimento médico das persoas afectadas por accidentes laborais” afirma Rego.

A formación nacionalista insiste en que “non se pode permitir que as mutuas recorten dereitos nin descarguen sobre as persoas traballadoras custos que deben ser cubertos por elas” e urxe o executivo a actuar con responsabilidade para blindar os dereitos das persoas afectadas e evitar situacións de desprotección.


BNG /